A Xunta estará presente na Feira Internacional Slow Wine Fair, que se celebra na cidade italiana de Bolonia do 25 ao 27 de febreiro

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participa neste encontro e colaborará coa organización “Castes, Feira Independente do Viño”

Unha decena de produtores das cinco denominacións de orixe galegas amosarán aos asistentes a riqueza dos viños galegos, que se poderán degustar ao igual que os augardentes e licores premiados cos Acios de Ouro nas Catas de Galicia 2023

Ademais, no espazo dedicado a Galicia impartiranse talleres e catas onde se porán en valor as variedades, a diversidade dos solos e o potencial do enoturismo galegos

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participará nunha nova edición da Slow Wine Fair, feira que se levará a cabo na cidade italiana de Bolonia do 25 ao 27 de febreiro. Este encontro internacional afonda no mundo do viño en canto á defensa da natureza, a sostibilidade ambiental e a implicacións social e cultural no sector vitivinícola.

Nesta ocasión, a Axencia colaborará por primeira vez coa organización “Castes, Feira Independente do Viño” para ampliar a presenza de Galicia nesta feira. Deste xeito, no espazo dedicado a ela, 10 produtores das cinco denominacións de orixe galegas exhibirán a riqueza dos viños galegos.

Ademais, no espazo tamén se ofrecerá información sobre o sector vitivinícola galego ao mesmo tempo que se levarán a cabo degustacións dos viños, augardentes e licores premiados cos Acios de Ouro nas Catas de Galicia de 2023.

Por último, a través dun equipo formado polo sumiller José Dieste, director da feira “Castes”, e dous membros da Asociación Gallega de Sumilleres, impartiranse talleres e catas comentadas onde se porán en valor as nosas variedades, a diversidade dos nosos solos e o potencial do enoturismo galego.

Data de actualización: 20/02/2024