O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o presidente do organismo provincial, Luis López, rubricaron esta mañá o acordo

A Xunta e a Deputación de Pontevedra asinan un convenio, dotado con 600.000 euros, para avanzar na prevención de incendios forestais na provincia

O orzamento deste protocolo anual de colaboración será aportado a partes iguais polas administracións asinantes, para realizar actuacións conxuntas dirixidas á conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal

Inclúese a adquisición de maquinaria para a prevención e a defensa contra os incendios forestais, a cesión de material titularidade da Deputación aos concellos e a formación especializada do persoal municipal no uso de maquinaria no centro da Xunta en Toén

O conselleiro en funcións salientou que este protocolo se suma ao ratificado este mes coa Deputación de Ourense e lamentou de novo a falta de implicación nestas tarefas -que lle corresponden por lei- das deputacións provinciais da Coruña e Lugo

Pontevedra, 20 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron esta mañá un protocolo anual de colaboración para a prevención de incendios forestais na provincia dotado con 600.000 euros que serán aportados, a partes iguais, pola Xunta e o organismo provincial.

Neste acto, celebrado na Deputación de Pontevedra, o titular de Medio Rural en funcións agradeceu o compromiso amosado polo goberno provincial pontevedrés e polo seu presidente para poñer de relevo “a importancia da cooperación entre administracións nun tema tan transcendente para o noso territorio como é a loita contra os incendios forestais”. Explicou tamén que a finalidade do protocolo é realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal, co fin de dotar de medios materiais a distintos concellos da provincia.

Así, contémplase, por un lado, a adquisición de maquinaria para a prevención e a defensa contra os incendios forestais que se porá á disposición dos concellos pontevedreses; por outra banda, a cesión de material titularidade da Deputación provincial aos propios municipios e, en terceiro lugar, a formación especializada do persoal municipal no uso de maquinaria de prevención a través do Centro Integral de Loita contra o Lume, situado no municipio ourensán de Toén e que depende da Xunta.

Falta de disposición das deputacións da Coruña e Lugo

Precisamente, neste mesmo mes de febreiro se asinaba un novo protocolo de colaboración -semellante ao asinado hoxe- para renovar a cooperación que se vén mantendo nos últimos anos coa Deputación de Ourense, cuxa disposición a participar nos traballos de prevención dos incendios forestais foi tamén posta en valor polo conselleiro en funcións.

Porén, José González insistiu en lamentar a falta de implicación das deputacións da Coruña e Lugo -malia as repetidas chamadas da Xunta en tal sentido- para participar nunhas tarefas nas que teñen a obriga legal -e mesmo moral, dixo o titular de Medio Rural en funcións- de apoiar os concellos. Neste mesmo sentido, González sinalou que a loita contra o lume “é cousa de todas as administracións e, en xeral, de toda a poboación, porque se trata dunha tarefa compartida”, remarcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2024