O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece medio cento de prazas para formarse como guías especializados nos valores deste espazo natural

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes esta semana e o curso constará dunha parte en liña, entre abril e xuño, e outra presencial a finais de ano

Permitirá outorgar a acreditación profesional necesaria para poder traballar dando a coñecer os principais valores deste espazo natural entre os seus visitantes

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2024

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrece este ano 50 prazas para acreditarse como guías especializados na difusión dos valores dos catro arquipélagos. O prazo para inscribirse nesta actividade formativa, na que colabora a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, abriuse hoxe, 19 de febreiro.

Entre o 12 de abril e o 12 de xuño, os participantes recibirán 70 horas de instrución, impartida mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña. Esta primeira fase teórica será complementada cunha parte práctica e obrigatoria de aproximadamente 30 horas, que terá lugar nas propias illas no último cuadrimestre do ano.

O obxectivo do curso é ofrecer a formación necesaria para poder exercer axeitadamente o labor de guía no Parque Nacional, razón pola que está enfocado a dar aos participantes as ferramentas, técnicas e bases conceptuais imprescindibles para o desenvolvemento de actividades didácticas e a dinamización de grupos.

Tendo en conta o perfil de edicións anteriores, o curso para acreditarse como guías do parque nacional adoita atraer sobre todo a profesionais que desenvolven a súa actividade nalgún ámbito relacionado co turismo, de forma directa ou indirecta, na área de influencia das Illas Atlánticas, como poden ser informadores en puntos de atención turística, guías, técnicos de concellos ou de organismos vencellados ao sector, traballadores das navieiras ou persoal de hostalería, entre outros. En todo caso, tamén está aberto a persoas doutras disciplinas interesadas en lograr a capacitación necesaria para especializarse na difusión dos principais valores que atesouran as Illas Atlánticas.

Contido e estrutura do curso

A formación teórica afondará en materias relacionadas coa lexislación correspondente e o Plan reitor de usos e xestión do parque, cuestións relativas á fauna, á flora e ao medio mariño dos catro arquipélagos, do seu patrimonio cultural, histórico e etnográfico ou das rutas existentes nas illas, incluíndo recomendacións específicas para garantir que as persoas con diversidade funcional teñan unha mellor experiencia durante a súa visita.

A formación, ademais, contará cunha parte de carácter xenérico sobre actividades nos espazos protexidos e a rede de parques nacionais, así como un módulo relacionado coa educación ambiental e a interpretación do patrimonio e unha unidade didáctica centrada no deseño e comunicación de mensaxes nas visitas guiadas interpretativas.

Nun senso máis amplo, a actividade tamén pretende concienciar aos asistentes da necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como da importancia do labor dos guías profesionais na súa transmisión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2024