Sanidade lémbralle á sociedade galega a necesidade de aumentar as reservas dos grupos A negativo, 0 positivo e AB negativo

Julio García Comesaña doou na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, que se desprazou esta mañá ata o complexo administrativo da Consellería de Sanidade en San Lazaro

As unidades móbiles de ADOS visitarán máis de corenta concellos galegos, ao longo da semana, co obxectivo de conseguir preto de 500 doazóns de sangue diarias
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, achegouse esta mañá para doar sangue ate a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que visita hoxe os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro. No acto estivo acompañado pola directora de ADOS, Marisa López García.

O departamento sanitario galego remarca o carácter xeneroso e solidario da sociedade galega e lembra a necesidade de contar entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias para permitir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos centros hospitalarios. Ao mesmo tempo, incide en que son precisas as doazóns de todos os grupos, salientando a necesidade de aumentar, nestes momentos, as reservas de hemoderivados do A Negativo, 0 Positivo e AB Negativo.

Doar e moi sinxelo

Poden doar sangue todas as persoas entre 18 e 65 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que non teñan padecido ou padezan enfermidades transmisibles polo sangue. Podendo realizar a doazón nos locais fixos que hai nas sete grandes cidades galegas ou nunha das dez unidades móbiles que se achegan, durante a semana, a preto de cincuenta concellos de Galicia.

Así mesmo, a Axencia de de Doazón de Órganos e Sangue lembra que está a disposición de todos os cidadáns a súa web http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais, como forma de comunicarse con ADOS e resolver dúbidas relacionadas coa doazón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2024