O titular de Mar visita a Praza de Abastos e peixerías en Viveiro

Alfonso Villares vincula directamente o aumento do consumo de peixes, mariscos e conservas á mellora do porvir da cadea mar-industria e da economía galega

O titular de Mar insta aos fogares e establecementos hostaleiros a AMAR GALICIA apostando por estes alimentos para que o sector de o salto dos seus 50.000 profesionais a involucrar ao conxunto dos 2,7 millóns habitantes da comunidade

Destaca o importantísimo papel que xogan os puntos de venta polo miúdo na promoción dos mesmos ao converterse nos seus principais prescritores

Recórdalle ao Executivo central que coa rebaixa do IVE aos produtos do mar se incentivaría a evolución do PIB, a xeración de emprego e unha cuestión que debería ser capital para calquera administración: a mellora da saúde e da calidade de vida
 

Viveiro (Lugo), 16 de febreiro de 2024

A cadea mar-industria ten que ir máis aló dos 50.000 profesionais das distintas etapas que aglutina, desde a captura, cultivo e recolección da materia prima á súa transformación e posterior distribución. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pretende que nela se sintan integrados, como un elo máis, os consumidores finais, o conxunto dos 2,7 millóns de galegas e galegos. O representante autonómico ten moi claro que os mellores aliados do sector marítimo pesqueiro son os fogares e a hostalería, e que o aumento do consumo de peixes, mariscos e conservas redundará nun mellor porvir para a xente que vive do mar, senón para o conxunto da actividade económica de Galicia.

Dentro da campaña AMAR GALICIA, o titular de Mar achegouse esta mañá a varios puntos de venda de peixes e mariscos da Praza de Abastos de Viveiro e a outros puntos de venda deste mesmo concello, como as peixerías Seiramar e Grallal. Acompañado pola xefa territorial da Consellería, Mariña Gueimunde, destacou e agradeceu o importante papel que xogan estes establecementos e os seus profesionais na promoción dos alimentos mariños, contribuíndo a que cheguen á mesa dos consumidores finais.

Alfonso Villares reiterou a importancia de traballar xuntos para que os peixes, mariscos, conservas e outros transformados do mar galegos cheguen cada vez a máis bocas, pois por un lado refórzase a un sector económico que xera preto do 5% do PIB de Galicia, sendo o cuarto máis relevante. Unha actividade da que viven milleiros de familias e que se sustenta sobre a confianza na calidade destes alimentos, sobre a variedade e o sabor inigualable que ofrecen peixerías e mercados.

Todo este traballo de promoción debe vir acompañado, reiterou o conselleiro, dunha contorna de mercado axeitada e en equilibrio, algo que non se produce na actualidade polo feito de que o Goberno do Estado facultou rebaixas do IVE a certo tipo de alimentos mentres insiste en negarlle o mesmo trato aos produtos do mar.

Por iso, sinalou que continuará acompañando ao sector primario -pois tamén os gandeiros reclaman igualdade de trato fiscal para a carne-, na súa xusta demanda de que se baixe tamén se lles baixe o imposto que grava o seu consumo, pois ademais de unha cuestión económica ten a importante compoñente social da saúde, pois estes alimentos redundan na mellora da saúde e da calidade do conxunto da sociedade.

Realidade, informes e análises       

Alfonso Villares ve máis xustificada ca nunca a loita do conxunto da cadea mar-industria de Galicia e da propia Xunta por conseguir esta rebaixa do IVE. Ademais da proba empírica  do ben que funcionou en países veciños como Portugal ou Francia, onde esta medida contribuíu a elevar o consumo de peixes, mariscos e conservas, está avalada por informes da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, do Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa) e máis recentemente por estudos independentes realizados polas universidades galegas.

Economistas da USC e da Universidade da Coruña certificaron cos seus análises que un descenso do tipo do IVE aos produtos do mar do 10 ao 5% que se trasladase ao consumidor final traduciríase nun incremento total do valor engadido tan so na comunidade de 28,5 millóns de euros e permitiría a creación de ata 5.575 empregos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/02/2024