A Xunta pon en valor o emprego da madeira na construción na III edición da xornada En madeira, outra forma de construír

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participaron en diferentes relatorios nos que se salientaron as vantaxes deste material con respecto a outros

Puxeron de relevo a utilización deste material que contribúe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación do cambio climático

Madrid, 16 de febreiro de 2024

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participaron en Madrid na terceira edición da xornada Have a wood day. En madera, otra forma de construír. El material constructivo sostenible del siglo XXI”, que tivo lugar hoxe no Salón de Actos do Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico en Madrid. O acto estivo organizado polo Forest Stewardship Council.

Alí, José Luis Chan interveu nunha mesa redonda sobre políticas forestais e subministro de madeira para usos construtivos; onde puxo de relevo a importancia da planificación, a ordenación do territorio e a reforestación para poder dispoñer de materia prima de calidade que se poida empregar na construción. Por outra banda, Jacobo Aboal participou no relatorio sobre as empresas de madeira e a construción, na que salientou a importante papel que ocupa o sector empresarial na nova aposta polo uso deste material.

Ambos os dous directores salientaron o emprego de madeira na construción, un material que ofrece unha ampla variedade de vantaxes en comparación con outros máis tradicionais, xa que contribúe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e á  mitigación do cambio climático.

Vantaxes da construción en madeira

Neste sentido, as construcións en madeira exercen un efecto especialmente beneficioso, debido ao prolongado almacenamento de carbono nos produtos ao longo do seu ciclo de vida. Ademais, estímase que o uso dun metro cúbico de madeira en substitución doutros materiais de construción reduce as emisións de CO2 á atmosfera unha media de 1,1 a 3,9 toneladas de CO2.

Seguindo nesta liña, centrada na redución destas emisións, ata un 20% das edificacións promovidas polo Goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual a partir deste ano.

Así, reafirmaron o compromiso do Executivo galego coa construción en madeira, tanto na vertente pública como na privada -neste caso, cunha liña anual dotada con 5 millóns de euros, cuxa convocatoria abrirá nas vindeiras semanas-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2024