A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou hoxe este acordo coa alcaldesa, Ana María López

A Xunta e o concello de Cariño asinan o convenio de colaboración para mellorar a potabilizadora do Castro

As intervencións teñen un orzamento de máis de 120.000€, do que a Xunta financiará o 80%

O Goberno galego tamén apoiará a nivel técnico ao Concello de Cariño, que deberá acometer os traballos

O obxectivo é solucionar as carencias desta potabilizadora municipal, que vén rexistrando avarías e problemas de turbidez

Para resolver estas deficiencias arranxaranse os equipos danados na planta e reporanse os filtros deteriorados

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024

A Xunta e o Concello de Cariño asinan o convenio de colaboración para a execución das obras de mellora da estación de tratamento de auga potable do Castro.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou hoxe de xeito telemático este acordo coa alcaldesa de Cariño, Ana María López, co fin de materializar as actuacións necesarias.

As intervencións contempladas neste convenio constan dun orzamento de máis de 120.000€, do que a Xunta, a través de Augas de Galicia financiará o 80%, e o municipio achegará o importe restante.

En relación aos compromisos establecidos no convenio, o Goberno galego cofinanciará as obras e apoiará a nivel técnico ao Concello de Cariño, que deberá acometer os traballos correspondentes.

O obxectivo é solucionar as carencias desta potabilizadora municipal, na que se constatou unha falta de caudal que se foi acentuando co tempo, así como constantes avarías de funcionamento e problemas de turbidez.

Para resolver estas deficiencias e acadar un mantemento máis eficiente procederase ao arranxo dos equipos danados na estación potabilizadora, así como á reposición dos filtros deteriorados.

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer de forma eficiente as súas responsabilidades de saneamento, abastecemento e depuración e proporcionar uns servizos de calidade aos cidadáns.

 

Data de actualización: 16/02/2024