A Xunta recibe 5 ofertas para a creación dunha rede de control en tempo real dos sistemas de abastecemento de auga en concellos de menos de 20.000 habitantes

Das 5 ofertas presentadas para realizar estes traballos, 5 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 10 empresas
 

Este servizo, licitado por algo máis de 5,7 M€, persegue desenvolver, implantar e poñer en marcha unha rede de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta neses municipios
 

O obxectivo é dispoñer de novas ferramentas dixitais para reforzar o apoio da Xunta aos concellos para unha mellor xestión do servizo de abastecemento de auga

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024

A Xunta recibiu 5 ofertas para o desenvolvemento do servizo para a dixitalización da xestión en tempo real dos sistemas de abastecemento municipal en concellos de menos de 20.000 habitantes. 

Das 5 ofertas presentadas para desenvolver este servizo, 4 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 10 empresas. 

Este contrato, licitado por algo máis de 5.7 M€, ten como obxectivo desenvolver, implantar e poñer en marcha unha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta neses municipios.

 Trátase de dispoñer de novas ferramentas dixitais para reforzar o apoio que a Xunta presta aos concellos para acadar unha mellor xestión do servizo de abastecemento de auga aos veciños. 

Os traballos permitirán proporcionarlles aos responsables dos sistemas de abastecemento de auga mecanismos cos que xestionalos en tempo real e de forma remota, a través da implantación e posta en marcha dunha serie de estacións dixitais de monitorización.  

A Xunta, a través deste contrato, disporá dun sistema de información que lle permita recompilar, visualizar, supervisar e compartir información relativa ao funcionamento destes sistemas de abastecemento monitorizados. 

O contrato licitado

A Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga establece que forman parte do ciclo da auga as infraestruturas de titularidade pública necesarias para a prestación, tanto dos servizos de abastecemento, como de saneamento e depuración de augas residuais, de competencia municipal. 

Para o cumprimento destes obxectivos, os traballos que se desenvolverán no marco do contrato licitado comezarán pola selección dos sistemas de abastecemento de auga potable en alta de menos de 20.000 habitantes. Neste caso, a través deste servizo darase apoio a Augas de Galicia na selección dos sistemas onde se desenvolverá esta iniciativa, incluíndo a elaboración dun informe de diagnóstico de cada un deses sistemas.

 

Isto permitirá, a continuación, a elaboración dunha proposta específica de dixitalización para cada un dos sistemas de abastecemento seleccionados por Augas de Galicia para formar parte da rede autonómica de estacións dixitais de monitorización do abastecemento.

 

Nesta parte do traballo incluirase o deseño das estacións de medición e rexistro necesarias en cada caso, a selección dos instrumentos de medición máis axeitados aos condicionantes de cada sistema de abastecemento, a proposta dos sistemas de rexistro e control, de comunicación e as fontes de enerxía que resulten máis axeitadas.

A seguinte fase consistirá na implantación das propostas específicas desenvolvidas en cada un dos sistemas de abastecemento seleccionados, nos que se incluirán desde a planificación de todos os traballos a executar para cada instalación ou infraestrutura hidráulica, así como os equipos e a maquinaria precisa para cada un deles.
 

Tamén se recollen os traballos previos necesarios, a realización dos pedidos e a contratación dos compoñentes das estacións de medición e rexistro que sexa preciso implantar e as comprobacións finais do seu correcto funcionamento. Inclúese, ademais, a conexión e enlace cos centros de xestión de datos locais e coa plataforma de xestión de datos autonómica.  

Como seguinte fase do proceso procederase ao deseño, desenvolvemento e implementación dos centros de xestión de datos locais e da plataforma de xestión de datos autonómica, que deberán garantir o acceso con diferentes niveis de permisos aos distintos usuarios e permitir a implantación de futuras melloras, posibilitando o desenvolvemento de novas ferramentas cando sexan necesarias.  

Deste xeito, crearase un centro de xestión de datos locais en cada un dos concellos seleccionados, consistente nunha aplicación informática multiusuario. 

Tamén se deseñará a plataforma de xestión de datos autonómica, baseada no desenvolvemento dun sistema informático avanzado, que permitirá mellorar a xestión e o coñecemento da rede de abastecemento en alta e do uso do recurso por parte de Augas de Galicia e os axentes involucrados na xestión da auga. 

Os traballos concluirán coa posta á disposición de todo o sistema comprendido polas estacións de medición e rexistro, os centros de xestión de datos locais e a Plataforma de xestión de datos autonómica en condicións plenamente operativas. 

Este contrato será financiado pola Unión Europea a través do Next Generation EU, cos fondos procedentes do Plan de Recuperación e Resiliencia.

Data de actualización: 16/02/2024