O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o bispo da Diocese de Ourense, Leonardo Lemos, firman un protocolo de colaboración

A Xunta colaborará coa diocese de Ourense para rehabilitar o pazo episcopal e convertelo no museo diocesano

A Consellería encargarase de seleccionar o equipo de arquitectura e museografía, a través de concurso público

Román Rodríguez reafirma o seu compromiso coa conservación, protección e posta en valor do patrimonio cultural galego

Ourense, 16 de febreiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultura, Mª del Carmen Martínez, reuniuse hoxe co bispo da Diocese de Ourense, Leonardo Lemos, para firmar un protocolo de colaboración entre ambas entidades para a rehabilitación arquitectónica da capela do Pazo Episcopal de Ourense e dos seus espazos inmediatos e, así, convertelo na sede do Museo Diocesano.

Os compromisos acordados neste protocolo que asume a Xunta de Galicia son a selección do equipo de arquitectura e museografía, a través de concurso público; a redacción da documentación técnica pertinente e a dotación do equipamento funcional, expositivo e museográfico, así como a solicitude e realización das xestións necesarias para obter as autorizacións sectoriais e licencias urbanísticas pertinentes.

Ademais, a Consellería de Cultura colaborará economicamente coa Diocese para o financiamento do proxecto e tamén asesorará e facilitará as xestións e trámites para garantir a conservación e protección do patrimonio cultural no deseño da infraestrutura museística.

O titular de Cultura do Goberno galego reafirmou o seu compromiso “co noso patrimonio cultural”. A rehabilitación do Pazo Episcopal “é unha mostra máis da conservación, protección e posta en valor do patrimonio galego”, engadiu Román Rodríguez, quen recordou que, actualmente, están en marcha varias actuacións no patrimonio ourensán.

Outras actuacións

A Consellería de Cultura está ultimando a restauración do ciborio e da fachada sur da Catedral de San Martiño de Ourense e ten previsto licitar proximamente as obras de terminación das actuacións da fachada occidental do mesmo monumento.

Máis alá destes traballos, a Xunta de Galicia leva invertido no patrimonio cultural da cidade das burgas 3,3 M€. Entre as actuacións realizadas destacan as feitas na rexería, púlpitos e sancristía ou a reforma do sistema eléctrico da Catedral e o acondicionamento do patio entre a nave e o edificio de cóengos da Catedral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2024