A Xunta anima ás mulleres a emprender nos campos da ciencia e da tecnoloxía para acabar coas fendas de xénero e cos estereotipos

A secretaria xeral da igualdade, Sandra Vázquez, participou no acto da Universidade de Santiago de Compostela co gallo do Día internacional das mulleres e nenas na ciencia, que acolleu dúas mesas redondas sobre ciencia e emprendemento

Lembrou que o programa Emega que cumpre 28 anos avoga polo emprendemento feminino e conta cunha liña específica que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024

A secretaria xeral da igualdade, Sandra Vázquez, participou esta mañá no acto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co gallo do Día internacional das mulleres e nenas na ciencia, que acolleu na Facultade de Química dúas mesas redondas sobre ciencia e emprendemento. Alí, aproveitou para facer un chamamento ás novas xeracións co gallo de que rachen cos estereotipos e os prexuízos e se impliquen no incremento da presenza da muller nos campos da ciencia e da tecnoloxía.

Nese camiño, a secretaria xeral referiuse ao programa Emega que cumpre xa 28 anos axudando as mulleres galegas a impulsar os seus propios negocios nos máis diversos campos. Un programa que comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais e que conta -precisamente- cunha liña específica que pon o foco no apoio a proxectos con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica.

Tamén aludiu á terceira edición do programa Investigo con prazo de solicitude aberto, dotado con 4,8 millóns de euros de orzamento para fomentar o emprego xuvenil no eido da investigación, da tecnoloxía e da innovación.

Sandra Vázquez falou tamén do novo plan que neste 2024 fará por aumentar a presenza feminina en sectores onde tradicionalmente predominan os homes, con axudas á formación e á contratación. Nese camiño tamén se avanza coa campaña Ti elixes, dirixida a escolares para conciencialos de que as mulleres deben escoller a súa profesión unicamente en función das súas preferencias e capacidades, coa meta de que este cambio de perspectiva se vislumbre logo nas universidades, nos centros de formación profesional e no mercado laboral.

Na súa intervención, Sandra Vázquez apostou así por eliminar calquera tipo de desequilibrio e por situar a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas. Nesa liña traballa a Unidade Muller e Ciencia creada pola Administración autonómica, unha área de traballo interdepartamental que busca transformar a ciencia e a tecnoloxía galegas, con accións para avanzar cara á igualdade de oportunidades nestes eidos.

Tamén se referiu ao III Programa de Muller e Ciencia, cuxo obxectivo é lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore a equidade de xeito efectivo, diminuíndo a fenda de xénero e situando as investigadoras á fronte dos equipos. Tamén cómpre mencionar o VIII Plan estratéxico de igualdade entre mulleres e homes, presente en toda a actividade que desenvolve o Goberno galego; ou a nova Lei de igualdade que actualiza o marco normativo galego, situándonos á vangarda nese equilibrio entre mulleres e homes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2024