A Consellería do Mar traslada aos docentes das escolas náuticas a suba en complementos salariais por formación, funcións de goberno ou titorías

A Xunta autoriza aplicar aos 82 profesores numerarios e mestres de taller o pacto acadado entre os representantes da Consellería de Educación e as organizacións sindicais que ratificaron estas co presidente autonómico

O de formación permanente subirá un 10% tanto en cada un dos próximos dous anos, o mesmo porcentaxe que repunta o complemento aplicable a labores titoriais

O complemento específico polo desempeño de labores de dirección subirá en 20 euros ao mes cada comezo de ano de 2024 a 2026

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves o acordo que permite aplicar aos 67 profesores numerarios e 15 mestres de taller das escolas náutico-pesqueiras de Galicia o pacto acadado en outubro de 2023 entre os representantes da Consellería de Educación e as organizacións sindicais CC.OO, ANPE e UGT-SP Ensino, que foi ratificado no treito final do ano pasado polo presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, e polos representantes dos traballadores. Ademais de distintas melloras en materia educativa, neste acordo incluíronse distintos incrementos retributivos en distintos complementos salariais que permitirán aos profesionais dependentes da Consellería do Mar percibir preto de 94.000 euros extra nos próximos tres exercicios, en especial no 2024 e 2025.

Entre os conceptos que se revalorizan, que se incluirán nas próximas nóminas dos docentes e serán retroactivas ao pasado 1 de xaneiro, está o importe mensual do complemento específico por formación permanente, que terá un incremento porcentual do 10% desde comezos deste ano e outro 10% que se elevará no próximo exercicio, polo que medra un 20% nos próximos dous anos.

En idénticas porcentaxes e nos mesmos períodos se incrementará o complemento salarial específico para os profesionais que actúan como titores, cun 20% nos próximos dous anos, porcentaxe repartido a partes iguais para o actual e o próximo.

Por último, o traslado do acordo entre a Xunta e os sindicatos en materia educativa á formación náutico-pesqueira permite implantar un incremento lineal polo desempeño de determinadas funcións de goberno -caso dun cargo de dirección-, de xeito que a contía mensual dos complementos correspondentes incrementaríase en 20 euros ao mes desde o pasado 1 de xaneiro, contía que subirá outro tanto en 2025 e outros 20 euros máis en 2026, co que subirá 60 euros/mes nos próximos tres anos.

Así, no reparto por anualidades destas tres medidas de incremento dos complementos salariais para este ano 2024 o extra que percibirán os docentes vinculados a Mar acadará os 42.439,63 euros, aos que se sumarán, por ser consolidables, outros 46.172 euros en 2025 e un ano despois algo máis de 5.115 euros.

Contribuír á remuda xeracional

Estes 82 profesionais imparten as súas ensinanzas a preto de medio milleiro de alumnos matriculados co actual curso 2023/2024 na Escola Oficial Náutico Pesqueira (EONP) de Ferrol, na EONP de Ribeira, no Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e no Instituto Galego de formación en Acuicultura (Igafa).

Son centros que xogan un importante papel na aposta da Xunta de Galicia por contribuír a que cada vez máis xente nova se achegue ao sector marítimo-pesqueiro en busca dun futuro laboral co fin de promover a remuda xeracional, como proba o feito de que en 2024 a Consellería do Mar destinase á formación nestas actividades un 6,5% máis ata roldar os 10,6 millóns de euros, o que equivale a preto do 5 % das contas totais para o ano.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/02/2024