A Xunta e as industrias de produtos do mar conxelados investirán no impulso á competitividade do sector 1,2 M€ entre este ano e o próximo

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e Conxemar para a mellora da comercialización destes elaborados da pesca, marisqueo e acuicultura ao longo de 2024 e 2025
 

O Goberno galego destina a este acordo máis de 605.000 euros, aos que se suman outros 605.000 euros que serán aportados pola asociación sectorial, cun incremento no apoio público anual que supera o 51%
 

O acordo inclúe o respaldo aos congresos internacionais Conxemar-FAO e as feiras de produtos conxelados CONXEMAR deste 2024 e do 2025, xunto con accións de promoción do consumo e a selección dun recoñecido embaixador

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024

A Consellería do Mar e a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura (Conxemar) reforzarán o seu traballo en conxunto tanto na promoción e mellora da comercialización dos produtos do mar conxelados como na execución de actuacións en favor da competitividade das empresas do sector. Esta colaboración ampliada será posible toda vez que o Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre as dúas partes para a realización de distintas accións en 2024 e 2025 encamiñadas ao impulso deste tipo de produtos derivados da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

Esta colaboración estará vixente desde a sinatura do convenio ata o 30 de novembro de 2025 e conta cunha aportación por parte da Xunta de Galicia de 605.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura  (Fempa), aos que se suman outros 605.000 euros aportados por Conxemar. Cada anualidade apotrada polo Goberno autonómico ascenderá, por tanto, a 302.500 euros, o que supón un incremento superior ao 51,2% fronte os 200.000 euros do convenio en vigor durante 2023. 

 

Con ese orzamento desenvolveranse distintas iniciativas de promoción e difusión co fin de favorecer o crecemento do sector e que Galicia manteña o liderado no territorio nacional. A comunidade aporta máis do 50% da facturación do sector de produtos do mar conxelados a nivel nacional e aglutina tamén a máis da metade das empresas do sector.

Unha das accións contempladas ao abeiro do convenio será a promoción tanto do XI como do XIII Congreso Internacional Conxemar-FAO que se celebrarán este ano e o próximo, unha cita que xa é referente mundial á hora de poñer en valor a transformación azul na cadea de valor dos produtos do mar e ser un foro esencial para a alimentación relacionada co peixe conxelado. Tamén se inclúe nesta colaboración a organización e promoción nacional e internacional da XXV e a XVI Feira de produtos conxelados Conxemar, a primeira delas na que cumpre as súas vodas de prata a celebrar os vindeiros días 1, 2 e 3 de outubro en Vigo e a vindeira en datas similares do ano 2025.

Acadar novos consumidores

Outro dos piares deste convenio que se renova cada exercicio ten que ver co respaldo a un plan de comunicación para promover o desenvolvemento do sector e incentivar o consumo deste tipo de produtos, buscando que teña visibilidade en diferentes plataformas como as redes sociais.

Como novidade, en 2024 contarase cunha cuarta liña de actuación que pasa pola difusión dos peixes, mariscos e alimentos transformados a través dunha figura de renome e proxección nacional, que se pretende que actúe como promotora e embaixadora dos produtos do mar conxelados. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/02/2024