A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remata a rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos de Santiago, cun investimento de case 1,8 M€

A actuación consistiu na restauración e mellora da envolvente térmica do edificio, no que está a Secretaría Xeral de Emigración

Resolvéronse os problemas de illamento térmico e as deficiencias nas fachadas e nas cubertas, deterioracións provocadas polo paso do tempo

Substituíronse as carpinterías por outras de madeira de castiñeiro laminado e procedeuse ao illamento de planta soto, que se atopaba en contacto directo co terreo

Renováronse as instalacións do edificio coa dotación de nova iluminación con tecnoloxía led e un novo sistema de climatización

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos, en Santiago de Compostela, cun investimento de 1,8 M€.

A intervención consistiu na restauración e mellora da envolvente térmica e da distribución interior deste edificio situado na cidade histórica, que alberga a Secretaría Xeral de Emigración.

Con este proxecto resólvense os problemas de illamento térmico e as deficiencias nas fachadas e nas cubertas, deterioracións provocadas polo paso do tempo, que causaban filtracións e perdas de calor.

En relación á envolvente, acometéronse traballos de restauración e mellora nas cubertas inclinadas, coa colocación de illamento térmico, capa impermeabilizadora e soporte da nova tella cerámica curva.

Nas fachadas realizouse o tratamento da sillería, cornixas, relevos e hidrofugado; e colocouse un sistema de illamento térmico polo exterior nas zonas lisas do revestimento existentes.

Tamén se substituíron as carpinterías por outras de madeira de castiñeiro laminado e procedeuse ao illamento de planta soto, que se atopaba en contacto directo co terreo.

Ademais substituíronse as instalacións do edificio, destacando a electricidade, a iluminación e a climatización. Dispúxose nova iluminación con tecnoloxía led, un sistema de climatización (calor-frío) e renovación para todo o edificio, acorde á nova distribución.

Esta actuación contou co cofinanciamento da Unión Europea no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2024