A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou hoxe o acordo cos directores en Galicia de ambas entidades financeiras

A Xunta, Abanca e Caixa Rural Galega renovan o seu convenio de colaboración para manter en 2024 o programa de avais públicos para a mocidade

O Goberno galego apoiará aos menores de 36 anos na compra do seu primeiro fogar prestando garantía sobre, como máximo, o 20% do prezo de adquisición do inmoble

Ángeles Vázquez explica que un dos principais obstáculos cos que se adoita atopar este colectivo á hora de emanciparse é que carece dos aforros necesarios para poder asumir a cantidade que non está cuberta polo préstamo hipotecario

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023

A Xunta renovou hoxe o seu convenio de colaboración con Abanca e Caixa Rural Galega para o desenvolvemento na Comunidade do programa de avais públicos destinado a apoiar aos mozos e mozas menores de 36 anos na compra da súa primeira vivenda.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o director de Negocio Institucional de Abanca en Galicia, José Lino Comesaña, e o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Antonio Méndez, asinaron esta mañá o acordo no que se fixan os termos e condicións para a concesión dos avais.

Precisamente o pasado martes publicouse no Diario Oficial de Galicia a segunda convocatoria do programa de avais para a mocidade, impulsado en 2023 pola Xunta e que converteu a Galicia na primeira comunidade en facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade a un dos colectivos que máis dificultades adoitan ter para emanciparse.

O obxectivo da iniciativa, tal e como sinalou a vicepresidenta, é facilitar a adquisición da primeira vivenda aos menores de 36 anos, que en ocasións teñen capacidade para pagar a cota hipotecaria pero carecen dos aforros necesarios para asumir a contía que non cobre o préstamo e que, polo xeral, supón o 20% do prezo da vivenda. Ademais, o aval é compatible con todas as axudas que cada ano xestiona e convoca a Xunta co mesmo fin.

No marco da convocatoria de 2024, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) poderá conceder avais por un importe de ata 5 millóns de euros e cunha contía equivalente a, como máximo, o 20% do custo de adquisición do inmoble.

O prezo de compra, en todo caso, non poderá superar os seguintes límites: 240.000 euros no caso das cidades de Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros en Lugo e en Ferrol, en municipios urbanos e nos de tamaño medio; e 130.000 euros nos do resto de Galicia.

Deste xeito, o importe máximo que poderá ser avalado pola Xunta ascenderá a 48.000 euros no caso de inmobles localizados no primeiro grupo de concellos, de 36.000 euros no segundo e de 26.000 euros no terceiro.

Os mozos e mozas interesados en conseguir un destes avais deberán acreditar uns ingresos mínimos de 2 veces o Iprem (16.800 euros) e máximos de 5,5 veces o Iprem (46.200 euros). O prazo para a presentación das solicitudes abrirase a partir do vindeiro 1 de marzo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2024