O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Juan Alonso Tembrás, asinaron hoxe o convenio de colaboración

O concello das Somozas adhírese ao programa Xantar na Casa con 10 prazas

A Xunta responde á demanda detectada polos servizos sociais municipais, que son os encargados de seleccionar aos beneficiarios

A través desta iniciativa, garántese unha alimentación san e equilibrada durante toda a semana a maiores que viven sos, persoas dependentes ou que están en risco de exclusión social

As Somozas (A Coruña), 14 de febreiro de 2024

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, asinaron hoxe un convenio de colaboración para adherir a este concello ao programa Xantar na casa. Con esta iniciativa achegarase menús sans e equilibrados a un máximo de 10 beneficiarios, entre maiores que viven sos, persoas dependentes ou que están en risco de exclusión social.

Perfecto Rodríguez sinalou que este convenio responde á demanda detectada polos servizos sociais do Concello, que son os encargados de seleccionar aos usuarios. A Xunta encárgase de financiar o 50% do custe da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do Concello e dos usuarios a partes iguais.

Así mesmo, o xerente do Consorcio explicou que a comida repártase nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana —incluídos sábados, domingos e festivos—, polo que o destinatario soamente ten que quentala antes de consumila. Ao usuarios do programa tamén se lles facilitan os electrodomésticos que necesiten no caso de que careza deles, como neveira e microondas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2024