A Xunta informa aos comerciantes vigueses dos novos apoios por 4,4 M€ para impulsar a transformación dixital, a innovación e a modernización do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou nunha xornada celebrada na Cámara de Comercio para explicar a nova convocatoria, aberta á presentación de solicitudes ata o 4 de marzo
 

Ponteareas tamén acolle este mediodía un encontro para informar sobre estes apoios, que se presentarán mañá ás 9:30 horas na Cámara de Tui
 

Dirixida a pemes comerciais e obradoiros artesáns, cobre actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, márketing dixital, loxística, xestión de redes sociais, tecnoloxía de control de stoks, asistentes virtuais, sistemas de click and collect, lockers dixitais, ademais de actuacións de mellora da eficiencia enerxética e de acondicionamento dos locais comerciais
 

As axudas no ámbito da dixitalización poderán chegar ata os 12.525 euros por beneficiario, no eido da innovación ata os 37.875 euros e 15.150 euros para actuacións de mellora de eficiencia enerxética, reforma dos locais e adquisición de equipamentos

Vigo, 14 de febreiro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou esta mañá na sede viguesa da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa a nova nova convocatoria das axudas para a transformación dixital, a innovación e a modernización do comercio retallista e dos obradoiros artesanais, dotada con 4,4 M€ e aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 4 de marzo.

 

O Concello de Ponteareas tamén acolle este mediodía un encontro para informar sobre estes apoios, que se presentarán mañá ás 9:30 horas nunha xornada na Cámara de Tui, co obxectivo de explicar a convocatoria e resolver as dúbidas que poidan xurdir.

Tal e como salientou Heredia, con estas axudas búscase apoiar ao sector para que se adapte á nova realidade a través da introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente á vez que se melloran os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade omnicanle, moderno e sustentable.
 
Por unha banda, os interesados poden optar á liña de transformación dixital, na que se inclúen actuacións como a implantación de páxina web con ou sen venda en liña, ferramentas de posicionamento dixital, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras. As axudas terán unha intensidade do 75 % ata un máximo de 12.525 euros dependendo do número de empregados.
 
Na liña de innovación cóbrense tanto accións de smart retail, dirixidas á transformación dixital do punto de venda e do modelo de negocio -sistemas de click and collect e lockers dixitais, terminais de pagamento, tecnoloxía de control de stocks ou asistentes virtuais, por exemplo-; como de visual merchandising para mellorar a experiencia de compra e que inclúe escaparates virtuais así como pantallas e tótems publicitarios. As axudas tamén cobren o 75 % ata 27.750 euros no primeiro caso e 10.125 no segundo.
 
Por último, na liña destinada á modernización hai tres programas de actuación: un destinado á mellora da eficiencia enerxética e dos recursos do local; outro de reforma para mellorar a imaxe do establecemento e outro para a adquisición de equipamento e maquinaria propios da actividade comercial e artesanal. Neste caso a intensidade da axuda é do 60% podendo alcanzar os 7.800 euros no primeiro programa, 3.750 no segundo e 3.600 no terceiro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2024