O conselleiro do Mar mantivo un encontro coas redeiras de Burela

Alfonso Villares destaca o papel das redeiras no sector pesqueiro e aborda as súas necesidades coas profesionais da zona

O titular de Mar trasladou o compromiso da Xunta de seguir traballando na formación, información e mellora das condicións de traballo destas profesionais que permita continuar avanzando na remuda xeracional
 

Burela (Lugo), 13 de febreiro do 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou o destacado papel das redeiras no sector pesqueiro cuxa actividade é indispensable para o desenvolvemento da actividade da frota galega cuxo arraigo cultural na nosa comunidade fai que sexan unha figura indispensable da estampa marítima de Galicia. Así o manifestou o responsable autonómico na xuntanza co colectivo de redeiras Cabo de Burela na nave de redeiras do peirao burelés onde tamén abordou as necesidades das profesionais desta zona. 

O conselleiro trasladou o compromiso da Xunta de Galicia de continuar traballando da man das profesionais no ámbito da formación, información e mellora das súas condicións de traballo. Nesta liña puxo en valor a importancia de profesionalizar o sector a través dunha formación especializada e de diversificar a súa actividade co obxectivo de aproveitar novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como son a moda, os complementos ou a decoración que lles complementar os seus ingresos en períodos de inactividade.

Tamén enxalzou o asociacionismo como outro dos piares deste colectivo, composto nun 90% por mulleres, grazas ao cal alcanzaron importantes logros como a mellora das súas condicións na xubilación co recoñecemento do coeficiente redutor, unha das súas demandas históricas que contou co apoio da Consellería do Mar. Uns avances que sumados o labor destas profesionais na divulgación da súa actividade entre as novas xeracións busca avanzar na remuda xeracional dun dos oficios mariñeiros máis antigos para que continúe a formar parte do patrimonio cultural galego e figura nun lugar destacado na Plan da Cultura marítima de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 13/02/2024