A Xunta promove as agrupacións forestais de xestión conxunta como ferramenta para poñer en valor o monte e optimizar o aproveitamento dos seus recursos

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse esta tarde con veciños e membros da comunidade de montes veciñais Mouriscados no concello de Mondariz, para poñer de relevo este tipo de figuras, incluídas na Lei de recuperación da terra agraria

Sinalou que esta pode ser unha ferramenta útil tendo en conta os obxectivos que persegue esta comunidade, vencellados coa restauración de terreo afectado por incendios forestais

Tamén lembrou que o Goberno autonómico vén de convocar por primeira vez una liña de axudas que ten por obxectivo o fomento destas agrupacións, cuxo prazo de solicitude está aberto, para a que se destinan preto de 2,4 millóns de euros

Mondariz (Pontevedra), 12 de  febreiro de 2024

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado por un dos responsables da Asociación Forestal de Galicia, Daniel Rodríguez, reuniuse hoxe con veciños e representantes da comunidade de montes veciñais en man común Mouriscados, para explicarlle aos seus veciños as vantaxes das agrupacións forestais de xestión conxunta que está a impulsar a Xunta.

 

Na xuntanza, que tivo lugar na Biblioteca Municipal de Mondariz, o director xeral coñeceu a situación na que se atopa esta CMVMC, que busca restaurar unha área de superficie dunhas 30 hectáreas afectada por incendios forestais, así como complementala con outro espazo con frondosas autóctonas de particulares que non foron afectadas polo lume.

 

Neste sentido, José Luis Chan puxo de relevo as agrupacións forestais de xestión conxunta, figuras están recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que poderían contribuír a acadar os obxectivos desta comunidade.

 

Este tipo de agrupacións promoven a unión de parcelas de forma voluntaria, cun requirimento mínimo de 10 hectáreas para poder constituílas mantendo a propiedade das parcelas, explicou o director xeral. Unha das principais vantaxes que ofrecen as agrupacións é que as fincas que se unen a ela non perden a propiedade e ao mesmo tempo permítese unha xestión conxunta dos recursos que nelas se atopan.

 

Seguindo esta liña, o director xeral lembrou a convocatoria de axudas para o fomento das agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto desde o pasado 15 de xaneiro, e que está dotada cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros.

 
 

Tres liñas de actuación

Segundo explicou José Luis Chan, estas achegas dispoñen de tres liñas de actuación. A primeira céntrase na organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta. Para desenvolver esta liña, disponse dun crédito de 200.000 euros.

 

A segunda liña de achegas busca dar apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais. Neste caso, o orzamento é de 400.000 euros e as actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo.

 

O director xeral resaltou que se lle dará prioridade como beneficiarios desta segunda liña de axudas ás asociacións de produtores de madeira (PROMA), ás que tamén poden optar outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais e empresas ou persoas individuais executoras das actuacións obxecto de subvención inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

 

A terceira das liñas de axudas destínase concretamente á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta a través de calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. A asignación orzamentaria para esta liña de axudas é de case 1,8 millóns de euros.

 

As actuacións subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (Sofor).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2024