Unha guía divulgativa recompila por primeira vez as 230 especies de liques existentes no Parque nacional das Illas Atlánticas de Galicia

O traballo, realizado por dúas doutoras en Bioloxía especialistas neste eido, recibiu unha axuda da Xunta para proxectos na área de influencia socioeconómica do espazo natural

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xa conta coa súa primeira guía divulgativa sobre os liques presentes neste espazo natural, unha publicación froito de anos de investigación e na que se recompilan datos e fichas sobre as 230 especies que alberga.

O traballo, dispoñible desde hoxe en formato dixital e gratuíto no apartado da biblioteca da web do parque nacional, foi realizado polas doutoras en Bioloxía Josefina Álvarez Andrés e María José Sánchez-Biezma, dúas das especialistas en liquenoloxía de maior prestixio e que levan décadas estudando en particular a presenza destes organismos nas Illas Atlánticas. Tamén contou co apoio e colaboración de persoal do parque.

A guía —para cuxa elaboración Estela Edicións recibiu unha das axudas da Xunta para actuacións na área de influencia socioeconómica das Illas Atlánticas— ofrece unha visión completa e profunda da vida liquénica existente nos catro arquipélagos, desde a franxa litoral ata terra firme. Cómpre subliñar que os liques son un dos organismos máis representativos deste espazo, destacando pola súa gran riqueza e diversidade florística pero tamén pola presenza de especies singulares e cunha distribución restrinxida.

En particular, cómpre citar a Bactrospora carneopallida, sinalada en puntos costeiros da Rexión Macarronésica e Sáharo-árabe; a Lecania aipospila, orixinaria das Illas Británicas, Noruega, Suecia e a costa atlántica francesa; e outras especies identificadas neste espazo natural que desafían as fronteiras xeográficas, como a Physcia scopulorum, atopada en Córcega, Sardeña e o arquipélago Tuscano, ou a Porina curnowii, presente nas costas do suroeste de Inglaterra, suroeste de Irlanda e a Bretaña Francesa.

Ademais, 15 das especies localizadas en Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada están na lista vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) e 2 figuran no Catálogo de Especies Ameazadas, de aí a importancia de fomentar e mellorar o seu coñecemento con este tipo de traballos, tendo en conta que esta flora peculiar e bastante descoñecida é crucial para garantir o equilibrio ecolóxico das Illas Atlánticas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2024