A Xunta adxudica por máis de 1,2 M€ as obras de mellora do firme na PO-254 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario

Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses e consistirán na rehabilitación e na reposición do pavimento, ademais do repintado das marcas viarias

O contrato asinarase nos vindeiros días e a previsión é poder iniciar as obras a mediados do vindeiro mes de marzo

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

A Xunta adxudicou por 1.268.694 euros as obras de execución da mellora do firme na estrada autonómica PO-254 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario.

Esta intervención, adxudicada á empresa Construcións Obras e Viais, S.A. (Covsa), consiste no reforzo e acondicionamento do pavimento desta vía autonómica, no seu percorrido por estes tres municipios da comarca do Condado.

O contrato asinarase nos vindeiros días e as obras iniciarase, previsiblemente, a mediados do mes de marzo, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Os traballos previstos no contrato contan cun prazo de execución de 4 meses.

A intervención consistirá na rehabilitación superficial do firme da vía mediante o fresado e a súa reposición, completando os traballos co repintado da sinalización horizontal co obxectivo de mellorar as condicións da estrada, para o reforzo da seguridade viaria e maior comodidade dos usuarios.  

Data de actualización: 12/02/2024