A Xunta convoca 59 cursos de formación continua para persoal da Policía Local con máis de 1.700 prazas na programación do primeiro semestre deste ano

A través da Academia Galega de Seguridade Pública Impartiranse preto dun milleiro de horas lectivas en accións formativas presenciais, semipresenciais e en liña

As inscricións deben formalizarse a través da web da Academia ata o 21 de febreiro

Hoxe publícase tamén a convocatoria da primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 59 cursos de formación continua destinados á Policía Local dos concellos galegos no marco da programación da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). As accións formativas suman máis de 1.700 prazas e desenvolveranse ao longo do primeiro semestre do ano.

Segundo a resolución publicada, poderá participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20% das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e o prazo para facelo vai desde mañá ata as 14,00 horas do 21 de febreiro.

A programación formativa suma case un milleiro de horas lectivas e inclúe cursos en modalidade presencial, semipresencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor profesional que desenvolven de xeito cotiá os corpos e forzas de seguridade, como o rexistro de inmobles, a detección de drogas, as actuacións ante delitos de odio, as inspeccións de locais e de transportes, ou o control de ruídos, entre outros. O plan formativo ten en conta tamén as novidades lexislativas, motivo polo que se inclúe cursos sobre a nova lei de benestar animal.

Adestramento coa arma regulamentaria

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a convocatoria da primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas. A través desta iniciativa, todos os axentes das policías locais de concellos que non posúen galería de tiro propia poden asistir ás clases gratuítas na Agasp, impartidas por instrutores titulados.

As administracións locais interesadas en participar poden xa reservar prazas para os seus policías antes do 15 de marzo. As prácticas realizaranse do 19 ao 22 de marzo e do 2 ao 19de abril na sede da Agasp na Estrada.

Cómpre lembrar que a arma regulamentaria é un elemento de dotación obrigatoria para todos os axentes da autoridade. O seu manexo forma parte como materia troncal nos cursos de acceso á categoría de policía e a práctica continua é fundamental para adquirir as destrezas precisas no caso de ter que ser empregada. O 95% dos policías non empregan a súa arma en toda a súa vida laboral, un dato que reflicte a seguridade da comunidade galega.

Data de actualización: 12/02/2024