Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS)

A Xunta celebra que o Ministerio de Sanidade atenda por fin a petición de permitir formar máis médicos de familia

A revisión dos requisitos de acreditación de centros para permitir formar residentes en máis deles era un compromiso incumprido polo Goberno de España desde o ano 2018

Nas vindeiras semanas o Ministerio constituirá un grupo de traballo para axilizar esa reforma pendente

A demanda de Galicia contaba xa coa adhesión expresa de 14 gobernos autonómicos dada a situación de déficit de especialistas que vive a atención primaria en toda España

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, valorou que por fin o Ministerio de Sanidade, no seo do pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), accedese a flexibilizar os criterios de acreditación de prazas de formación de medicina de familia para dar solución ao déficit de especialistas que afecta ao conxunto do Estado.

Comesaña lembrou que esta petición se acordara de xeito unánime en abril de 2018 e, por iso, celebrou que a sexta ministra de Sanidade desde que Sánchez chegou ao Goberno se comprometa a constituír nas próximas semanas un grupo de traballo para axilizar a reforma da acreditación pendente.

“A realidade é que as distintas comunidades temos diferenzas nas nosas políticas de persoal, modelos asistenciais, estratexias de xestión,... Somos gobernos distintos pero -lembrou o representante do Goberno galego- todos temos un problema común: non temos médicos de familia”. De aí que 14 comunidades autónomas, a iniciativa de Galicia e Euskadi, asinaran un manifesto reclamando que o Ministerio exerza xa as súas competencias en formación de especialistas.

É de destacar tamén que, no informe presentado polo Ministerio sobre o grao de execución do Plan de Acción de Atención Primaria, o Goberno central indica que Galicia está no nivel 8,7 sobre 10. Polo tanto, a Xunta ten un elevado grao de desenvolvemento de todas as medidas que pode tomar para mellorar a atención primaria.

Ademais, o propio informe do departamento de Mónica García constata a transparencia do Goberno galego en sanidade xa que só Galicia respondeu ao 100% das preguntas solicitadas sobre a consecución dos indicadores do plan.

Data de actualización: 09/02/2024