O conselleiro do Mar visita a Praza de Abastos de Ribadeo e o IES de Foz

Alfonso Villares anima aos chefs do futuro a promover nas súas receitas o consumo dos peixes, mariscos e conservas de Galicia

O titular de Mar puxo en valor ante alumnos de Hostalería da Mariña a calidade e variedade das preto de 300 especies que comercializan as lonxas galegas e destacou a importancia de que formen parte dunha dieta equilibrada e saudable

Recorda que nos últimos foros sobre a #ACociñaDoMar da campaña GALICIA SABE AMAR participaron un total de 37 cociñeiros de alto nivel, algúns deles con restaurantes distinguidos coa prestixiosa Estrela Michelín

Achegouse co alcalde ribadense ao mercado da localidade para visitar as peixarías dentro da campaña de promoción coas que se quere dignificar aos profesionais do conxunto da cadea mar-industria e defender aos mellores alimentos do mundo

Reitera que este ademais de levar adiante este tipo de iniciativas para que o peixe pase a estar en boca de todos o Estado debe acompañar e rebaixar dunha vez o IVE

Foz (Lugo), 9 de febreiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mostrou o seu convencemento de que os chefs do futuro que se están a formar na actualidade en Galicia serán no futuro próximo uns dos mellores prescriptores e óptimos embaixadores dos produtos do mar galegos. Así o dixo durante a súa visita este venres ao centro de Hostalería do IES de Foz, onde animou aos alumnos a incluír nas súas receitas os peixes, mariscos e conservas producidos na comunidade autónoma para contribuír a incrementar o recoñecemento da súa calidade e a incrementar o seu consumo.

O titular de Mar sinalou durante o seu percorrido polas instalacións da Mariña que é moita e moi variada a oferta que lles chegará a estes profesionais da cociña desde as máis de 60 lonxas galegas, con máis de 300 especies comercializadas, alimentos que deben ser indispensables dentro dunha dieta equilibrada e saudable.

Alfonso Villares puxo como exemplo da boa colaboración entre o sector da hostalería, a propia consellería e o sector produtor marítimo-pesqueiro os foros de GALICIA SABE AMAR celebrados durante a segunda metade do ano 2023 nas catro provincias galegas sobre #aCociñaDoMar, nos que se contou coas creacións de 37 profesionais galegos da cociña de alto nivel, algúns deles con prestixiosos recoñecementos como a Estrela Michelín, das que Galicia suma xa 19. Ninguén mellor que eles para promover cos seus pratos un mellor e maior consumo de peixes, mariscos e conservas.

O conselleiro enfatizou a importancia de poñer en valor a excelencia dos produtos pesqueiros e a oferta gastronómica e hostaleira galega, así como de apostar polo consumo dos produtos locais e de aproveitar todas as posibilidades que ofrecen

Antes de achegarse ao IES de Foz para coñecer aos futuros mestres da gastronomía feita en Galicia e con produto galego, o conselleiro do Mar visitou co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, o Mercado Praza de Abastos deste concello, onde se achegou ás peixerías para dialogar cos seus responsables e vendedores, aos que quixo facer partícipes da campaña coa que a Xunta pretende, por un lado, dignificar aos 50.000 profesionais do conxunto da cadea mar-industria, e por outro, poñer en valor a calidade e defender aos mellores alimentos do mundo, os que se pescan, recolectan e transforman con selo galego.

O conselleiro entregou os carteis onde se aposta por AMAR GALICIA e se lanzan claros mensaxes sobre a confianza na calidade dos produtos do mar, sobre a variedade e o sabor que se ofrece en peixerías e mercados e sobre o fundamental apoio que supón adquirir a produción dos milleiros de familias que viven do mar e as súas industrias na comunidade.

Menos impostos, máis economía e consumo

Alfonso Villares sinalou que este tipo de accións son fundamentais á hora de difundir as bondades desta dieta, que van moito máis alá dos beneficios para a saúde: aportan tamén riqueza e emprego. Por iso reiterou, e prometeu que non o deixará de facer ata que o Goberno central entre en razón, a necesidade de que desde o Estado se continúe a pechar a porta a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros, un veto e maltrato ao sector marítimo-pesqueiro sen sentido ningún que dura xa máis de dous anos.  

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 09/02/2024