O conselleiro do Medio Rural, xunto co director xeral de Defensa do Monte e o alcalde de Lalín, realizou unha visita técnica a esta nave

A Xunta define a nave de Medio Rural en Botos, no concello de Lalín, como unha instalación estratéxica para a prevención e extinción de incendios forestais

O conselleiro salientou que se atopan nunha localización estratéxica, xunto á entrada da autopista e a autovía autonómica de conexión con Ourense e o resto da provincia

A edificación conta un taller mecánico centralizado para vehículos como todoterreos e motobombas e tamén incluíu a construción dun semisótano para destinalo a almacén loxístico

As actuacións realizadas están enmarcadas no Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, que ten como fin mellorar o servizo público que presta a Administración no medio rural
 

Lalín (Pontevedra), 10 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo alcalde de Lalín, José Crespo, realizou unha visita técnica á nave propiedade desta dirección no concello pontevedrés de Lalín, que vén de rematar as súas obras de reacondicionamento.

O conselleiro salientou a importancia dunhas instalacións destas características, que contribúen a previr incendios forestais e facilitar a súa extinción. Ademais, atópanse nunha localización estratéxica, xunto á entrada da autopista e a autovía autonómica de conexión con Ourense e o resto da provincia.

Nesta edificación sitúase un taller mecánico centralizado para vehículos como todoterreos e motobombas para parte do parque móbil da Dirección Xeral de Defensa do Monte. A reforma tamén incluíu a construción dun semisótano para destinalo a almacén loxístico, co fin de dar resposta ás necesidades internas do equipo, que precisaba novos espazos de almacenamento, arquivo e talleres que presten servizo ao operativo de extinción de incendios que traballa na contorna.

Nos terreos onde se localiza a nave principal reformouse unha edificación para poder empregala como punto de encontro para as brigadas do Distrito Forestal XVI Deza-Tabeirós. Tamén se configura como unha instalación para facer funcións de centro operativo de reunión e agarda de expedicións de bombeiros forestais e persoal nos desprazamentos de media distancia a incendios, así como base para os postos de mando avanzado.

Cabe sinalar que estas actuacións están enmarcadas no Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, que ten como fin mellorar o servizo público que presta a Administración no medio rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2024