Galicia reclama activar as medidas de flexibilidade, simplificación e exencións previstas no regulamento de control da pesca

A Consellería do Mar presenta ante o Ministerio máis dunha vintena de solicitudes de desenvolvemento normativo que permitan facilitar ao sector da comunidade, especialmente ao artesanal e ao marisqueo, o cumprimento das obrigas establecidas pola UE

Van desde liberar aos barcos de menor eslora de ter que portar mecanismos de localización ata finais do 2029 a poder desconectar o sistema de identificación automática AIS nos buques de maior porte se é necesario por seguridade
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2024

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica presentou ante a Secretaría Xeral de Pesca (SXP) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a proposta dunha serie de peticións co fin de poñer en marcha determinadas flexibilidades, exencións e medidas de simplificación no desenvolvemento do regulamento europeo para o control da pesca que se recollen dentro da propia normativa comunitaria e que resultarían beneficiosos para o sector en Galicia e, de forma especial, para a súa frota artesanal.

Así, desde a Consellería do Mar trasladan á SXP un total de 23 propostas entre as que se atopan a da exención de determinadas categorías de buques pesqueiros da obriga de completar e presentar unha notificación previa e unha declaración de transbordo; a exención para determinadas poboacións de la obriga de estibar por separado as poboacións demersais suxeitas a plans plurianuais; as normas sobre procedementos de pesada e as normas especiais relativas ás pequenas especies peláxicas; normas sobre os observadores encargados do control; ou as normas sobre inspeccións das autoridades competentes dos Estados membros e dos operadores.

Sobre a obrigatoriedade de localización, pídese eximir ata o 31 de decembro de 2029 a  determinados buques artesanais para que dispoñan do tempo suficiente para prepararse para o uso de novas ferramentas adaptadas, entre eles os de menos de 9 metros ou os que nunca pasen máis de 24 horas no mar. Nos de eslora de por debaixo de 12 metros, que poden levar un dispositivo que non ten que estar instalado a bordo, deberán dispor dun sistema alternativo por desenvolver ou a escala estatal ou para o conxunto da UE.

En canto ao sistema de identificación automática (AIS), que os barcos de máis de 15 metros de eslora deben ter en funcionamento en todo momento, sinálase a necesidade de establecer excepcións en determinadas circunstancias, por exemplo, para que poda ser  desconectado se o capitán o considera necesario para a seguridade do seu buque.

Tamén se demanda que non se lle impute esforzo pesqueiro a un barco que non puidese faenar por estar prestando asistencia a outro buque que precisaba axuda urxente ou por estar transportando a unha persoa ferida que precisaba atención médica.

Tamén se demandan exencións á obrigación de estibar por separado as distintas poboacións de peixes demersais despois de que a introdución e proliferación de plans plurianuais dificulten en determinadas circunstancias poder facelo pola limitación del espazo de almacenamento a bordo e mesmo pola seguridade dos tripulantes.

Notificación das capturas

A dirección xeral que encabeza Antonio Basanta tamén insta a simplificar as normas que conduzan á exixencia de notificar as capturas a todos os buques pesqueiros. No caso dos barcos de eslora inferior a 12 metros pídese á SXP establecer un sistema de diarios de pesca electrónicos axeitado a súa especial condición de pesca artesanal, que se podan presentar da forma máis simple e áxil posible. Sobre a notificación previa de desembarque de capturas, aplicable a barcos 12 ou máis metros –e non so a pesqueiros suxeitos a plans plurianuais- pídense medidas que faciliten un período de notificación previa más breve.

Reclámase unha data única para a presentación á Comisión Europea dos datos agregados de capturas e esforzo pesqueiro, e sobre as disposicións relativas ao peche dunha pesqueira por Bruxelas cando se esgote a cota ou se acade o esforzo pesqueiro máximo admisible piden tamén a simplificación a fin de permitir a súa oportuna publicación.

Sobre a pesca sen buque, de estratéxica relevancia para Galicia por todo o que ten que ver con actividades relacionadas co marisqueo, constata a Xunta que xa se cumpre co que marca a Política Común de Pesca (PPC) e o que dispón regulamento de control, polo que solicita que se apliquen estas medidas noutros Estados membros: desde as licencias e permisos para operar ao rexistro das capturas por medios electrónicos. As notas de venda, declaracións de recollida ou documentos de transporte deben incluír o número ou números de identificación únicos do día de pesca para reforzar o control e trazabilidade.

En materia de pesca recreativa o regulamento reclama que os Estados membros deben garantir que as persoas físicas que realicen esta actividade se rexistren elas e podan notificar as súas capturas a través dun sistema electrónico, que desde Galicia se reclama a escala nacional e que opere de forma simplificada.

Tamén se demanda á SXP harmonizar os limiares para minimizar a introdución no mercado de produtos da pesca que non teñan trazabilidade e, por tanto, non podan controlarse e poderían contribuír ao comercio ilegal. Por exemplo, os vendidos directamente dos produtores ao consumidor en pequenas cantidades, que se no exceden os 10 quilos por día e son para consumo privado non precisarían nota de venta. Esta exención debe ser desenvolta no Dereito interno de España.

En canto ao pesado de mostras, a bordo ou despois do transporte desde a Xunta sinalan á SXP que deben permitirse se se cumpren as condiciones oportunas establecidas nos plans de mostraxe, os plans de control e os programas comúns de control pola Comisión, tal e como establece o regulamento.

Tamén se insta desde Galicia a simplificar a transmisión dos documentos de transporte aos Estados membros para que se efectúe antes de que se produza e así permitir ás autoridades competentes levar a cabo o control e as inspeccións.

Infraccións graves

Na cuestión das sancións por incumprir a PPC, a Xunta reclama, co fin de garantir unha disuasión eficaz, determinar as conductas que constitúen infraccións graves, elaborando unha lista exhaustiva dos criterios que deben utilizarse para determinalo e gradualo. Desde Galicia reclámase da SXP que se podan analizar as circunstancias e formular medidas informadas e proporcionadas ao respecto.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/02/2024