O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou a xefatura territorial da Xunta en Lugo onde se emiten estes títulos

A Xunta comproba a emisión dos novos títulos de familias numerosas cos que se reduce a burocracia destas familias

Na provincia de Lugo existen máis de 2.600 familias numerosas que verán aliviadas as súas xestións ao ampliarse a súa vixencia ata os 26 anos do fillo menor

Ademais, as familias xa teñen dispoñible este título en formato dixital a través da nova aplicación móbil xunta.eu

Lugo, 9 de febreiro de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá a xefatura territorial de Lugo para comprobar a emisión dos novos títulos de familias numerosas que o Goberno galego acaba de renovar para ampliar a súa vixencia. Nestes novos títulos, as familias non terán que facer renovacións ata que o fillo menor cumpre os 26 anos.

O director xeral sinalou que deste xeito alívianse os trámites administrativos das familias e, ademais, modernízase o sistema para adquirir estes títulos. A Xunta substituíu o tradicional título en papel por un título en formato tarxeta que levará aparellado un formato dixital que se pode obter a través da nova aplicación móbil xunta.eu. Este título en formato dixital xa está dispoñible para as 27.000 familias numerosas de Galicia, máis de 2.600 na provincia de Lugo.

Jacobo Rey lembrou que estas actuacións leváronse a cabo en colaboración coa Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) para aliviar o número de solicitudes de renovación que reciben cada ano e para facilitar os trámites de todos estes núcleos familiares.

Protección a menores

Posteriormente, o director xeral visitou a minirresidencia Fogar Madre Encarnación na que se ofrece atención a nenos e adolescentes baixo o sistema de protección autonómica do Goberno galego. Durante a visita puxo en valor a calidade asistencial deste centro no que se garante que os menores de idade teñan unha infancia feliz, independentemente do seu contexto ou situacións familiares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2024