O conselleiro do Mar mantivo un encontro coa confraría de Pontevedra

Alfonso Villares pon en valor o plan de acción da Xunta para o marisqueo fronte ao silencio e inacción do Goberno central

O titular de Mar explicou aos profesionais do mar as medidas previstas como as axudas extraordinarias e inmediatas por 4 millóns de euros que se abonarán este mesmo mes

Mobilizaránse 123 millóns de euros no periodo 2024-2025 para accións de mellora da competitividade e sostibilidade do sector como a rexeneración dos bancos marisqueiros ou traballos para lograr que as especies sexan máis resistentes

O Goberno central segue sen responder á petición de declaración de zona catastrófica, que permitiría o acceso a axudas extraordinarias para paliar as perdas nas producións e a exención das cotas á Seguridade Social dos afectados

Poio (Pontevedra), 8 de febreiro do 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, resaltou o traballo da Xunta coas federacións das confrarías de pescadores na elaboración dun plan de acción para o marisqueo fronte o silencio e inacción do Goberno central, que segue sen responder á petición de Declaración de zona catastrófica para os bancos marisqueiros presentada ante a delegación do Goberno o 20 de decembro. Así o manifestou durante a xuntanza coa confraría de Pontevedra na que presentou os detalles sobre as axudas directas e extraordinarias por 4 millóns de euros aprobadas pola Xunta e as liñas xerais do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, un conxunto de actuacións que, aberto ás contribucións do sector, se prevé que mobilice a curto e medio prazo un total de 123 millóns de euros.

O responsable autonómico subliñou que se trata dun documento vivo e aberto no que se están a recoller todas as achegas dos profesionais do mar que coñecen de primeira man as necesidades do sector. Alfonso Villares indicou que o Goberno galego comezou a traballar da man do sector de xeito inmediato despois do episodio de alta mortaldade dos bivalvos pola baixa salinidade resultado das precipitacións do pasado outono. Unha colaboración que se pretende manter e estreitar dentro do modelo de cogobernanza co que se pretende contribuír a definir as actuacións a realizar, presentes e futuras, a prol da competitividade e sustentabilidade da pesca e o marisqueo galego. 

O titular de Mar explicou que a estratexia conta con medidas inmediatas en materia de axudas, con 15 millóns de euros nos que se inclúen os 4 millóns de euros que se abonarán de forma extraordinaria e directa este febreiro e haberá outros 400.000 euros para contribuír a sustentabilidade das organizacións representativas do sector. Complementan estas actuacións as axudas por parada temporal para o marisqueo a pé e a frote que suporán o desembolso de máis de 10 millóns de euros e que se tramitarán con cargo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) coa previsión de que se publique a orde en abril para que se abonen no verán. O período subvencionado de parada será de tres meses, a acreditar entre outubro de 2023 e abril de 2024.

O resto de actuacións no curto prazo pasan, ao longo deste primeiro semestre do ano, pola rexeneración dos bancos marisqueiros máis danados e o reforzo da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar) para clarificar as causas e desenvolver solucións ante a caída da produción e o impacto do cambio climático nas rías.

A partir do segundo semestre e no conxunto do 2025 activaranse máis de 104 millóns de euros en medidas de apoio á sustentabilidade e competitividade do sector marisqueiro. Por un lado no reforzo da rexeneración de áreas marisqueiras e a creación de novas zonas de traballo, así como o apoio técnico ás entidades do sector e a vixilancia dos bancos, reforzando tamén o labor do Intecmar e das redes de control. Por outro lado constituír unha nova plataforma de ventas e un plan para complementar e diversificar as especies, ao tempo que se investiga como facelas máis resistentes aos cambios ambientais así como fortalecer a colaboración coas asociacións do sector.

Sen resposta

Unha xestión e implicación da Administración autonómica que contrastou coa ausencia da Administración central polo que reclamou que agora, “que temos a medio consello de ministros de xira por Galicia”, clarifiquen e expliquen ao sector se van a dar luz verde á petición  de zona catastrófica as rías damnificadas. O conselleiro lamentou a inacción do Executivo estatal que volve a amosar unha absoluta falta de sensibilidade e abandono cun sector estratéxico para a comunidade. Unha actitude que tamén se ve reflexada con outras demandas como a negativa á rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros e o Perte á cadea mar-industria que segue sen materializarse dous anos despois.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 09/02/2024