O conselleiro do Medio Rural participou esta mañá na primeira reunión deste equipo creado no marco do Consello Agrario Galego

A Xunta constitúe o grupo de traballo que previrá e anticipará as enfermidades emerxentes que afectan á cabana gandeira

O seu obxectivo é crear sinerxías para reforzar a colaboración, a coordinación e o diálogo con todos os elos do sector agrogandeiro de Galicia, en beneficio de todos os produtores

Un dos seus primeiros cometidos será elaborar un informe específico para analizar as consecuencias e a evolución da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e o verme defoliador do millo, co fin de previr e evitar novos brotes no futuro

O conselleiro reafirmou a súa aposta pola creación dun sistema de alertas temperás, mediante unha aplicación informática específica, co obxecto de formar e informar aos agricultores e gandeiros sobre os riscos e anticiparse a posibles perdas

Ademais, lamentou a actitude pasiva por parte do Ministerio de Agricultura en relación con este tipo de problemáticas

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá no primeiro encontro do grupo de traballo creado no marco do Consello Agrario Galego para anticipar e previr as consecuencias de novas enfermidades animais e vexetais; así como pragas nas explotacións gandeiras. O seu obxectivo é de reforzar a colaboración, a coordinación e o diálogo con todos os elos do sector agrogandeiro de Galicia, en beneficio de todos os produtores para poder anticiparse a posibles perdas.

Logo desta reunión, que tivo lugar na sede da Escola Galega de Administración Pública en Santiago, o grupo quedou constituído de xeito definitivo. Está formado por persoal da Xunta de Galicia, representantes dos concellos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, expertos do ámbito académico, especialistas dos colexios profesionais vinculados co agro e responsables das organizacións agrarias, entre outros.

Nesta primeira xuntanza abordáronse diversas cuestións vencelladas con estas temáticas. En primeiro lugar, tratouse a posibilidade de afondar na resposta da Consellería ante as doenzas derivadas dos movementos de insectos vectores debido ao cambio climático ou movementos de aves migratorias, como a gripe aviaria, a lingua azul, a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), o verme defoliador do millo ou a flavescencia dourada da vide.

Así, o conselleiro reafirmou a súa aposta pola creación dun sistema de alertas temperás, a través dunha aplicación informática que se vai poñer en marcha co obxecto de formar e informar aos agricultores e gandeiros sobre os riscos e anticiparse a posibles perdas. Por outra banda, José González lamentou a actitude pasiva por parte do Ministerio de Agricultura en relación con este tipo de problemáticas.

Primeiras accións

Unha das primeiras accións que levará a cabo este novo grupo será a realización dun informe específico para analizar as consecuencias e a evolución da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e o verme defoliador do millo, para poder coñecer de primeira man as novidades sobre a súa situación e poder previr e evitar novos brotes no futuro.

En concreto, o conselleiro solicitou a este grupo que o estudo sobre a EHE avalíe a capacidade de vacinación fronte esta doenza, un aspecto que cualificou como “urxente” e no que -lembrou- se ten pedido reiteradamente por parte da Xunta ao Ministerio de Agricultura que actúe con dilixencia.

Nesta liña, cómpre recordar o traballo levado a cabo por parte da Consellería do Medio Rural con respecto á EHE no referido ao asesoramento e a información facilitada aos gandeiros, así como á convocatoria de achegas para indemnizar ao 100% a morte de vacas por esta afección. A maiores, en relación coa lingua azul, hai que subliñar os 2 millóns de euros destinados en 2024 -que se suman aos 2 millóns de euros convocados en 2023- cos que se vacinaron arredor de 360.000 animais nunha campaña gratuíta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2024