A Xunta pon en valor o emprendemento xove no marco dos Polos da provincia de Lugo ás portas de que comece a funcionar un novo en Sarria

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, asistiu en Ribadeo a un acto do Polo de Mondoñedo no que se presentaron proxectos de persoas mozas para fomentar o intercambio de experiencias e o debate

Salientou que a Rede de polos ten atendido máis de 270 iniciativas en toda a provincia lucense, dos que máis de medio cento saíron do centro mindoniense

Aproveitou a xornada para visitar as instalacións que comezarán a operar en breve en Sarria, coas que se elevará a cinco o número de Polos lugueses e a trece os do conxunto de Galicia

Ribadeo (Lugo), 8 de febreiro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe nun acto do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Mondoñedo a prol do emprendemento xove. Alí, destacou os máis de 270 proxectos que se teñen atendido nos Polos lucenses, máis de medio cento deles no centro mindoniense.    

A actividade de hoxe busca estimular a creatividade e facilitar o intercambio de ideas, fomentando a exploración de oportunidades de emprendemento. A través de distintas experiencias de persoas mozas en primeira persoa, ábrese así un foro de debate para impulsar a mentalidade emprendedora e proporcionar á xente nova unha serie de coñecementos prácticos. 

O encontro tamén serve para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado en calquera fase en que se atope os proxectos empresariais, de principio a fin. O obxectivo é facer dos Polos verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sobre todo no rural, converténdoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.

A Rede leva atendido máis de 1.200 proxectos en toda Galicia, dos que máis de 270 se asesoraron na provincia lucense. Entre o máis de medio cento de iniciativas que chegaron ao Polo de emprendemento de Mondoñedo, predominan as relacionadas coa hostalaría, seguidas das relativos ao comercio e das que teñen que ver coa agricultura, a gandaría, a silvicultura ou a pesca.

Polo de Sarria

O secretario xeral aproveitou a xornada para visitar as instalacións que xa están listas para acoller o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Sarria, que comezará a funcionar en breve.

Este centro elevará a cinco o número de Polos da provincia de Lugo, tras os de Mondoñedo, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Friol. A nivel galego, suporá o número trece, para seguir dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2024