A Xunta inicia a execución de actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Maior e do rego do Portiño, no concello de Vilaboa

Os treitos nos que se traballa acadan unha lonxitude de preto de 1,7 quilómetros

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

O obxectivo destes traballos é a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Maior e do rego do Portiño, no concello de Vilaboa.

Estas tarefas desenvolveranse nunha lonxitude que rolda os 1,7 quilómetros, no percorrido destes ríos por distintos lugares do municipio.

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

O obxectivo destes traballos é a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2024