A Xunta convoca o programa de estadías lingüísticas en primavera con 1.475 prazas para o alumnado galego
O obxectivo é estimular a práctica oral do alumnado de 6º de Primaria a 4º de ESO en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo, e fomentar a convivencia
O programa desenvolverase do 14 de abril ao 15 de xuño nun centro residencial en Galicia, en réxime de internado de domingo a sábado
Os centros poderá solicitar participar na iniciativa ata o 8 de marzo incluído
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023
A Xunta de Galicia vén de convocar o programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 14 de abril e o 15 de xuño deste ano. A iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, vai dirixida a centros docentes sostidos con fondos públicos, nos que se impartan ensinanzas de 6º curso de Educación Primaria ou de ESO e poderán participar un total de 1.450 alumnos.
O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que na contorna escolar.
Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.
A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
O prazo de presentación de solicitudes, que deberán tramitar os centros interesados a través da aplicación informática habilitada para tal fin, remata o 8 de marzo, incluído. A distribución de prazas por quendas é a que se relaciona no seguinte cadro:
QUENDA | DATAS | CURSO | ALUMNADO |
1ª quenda | do 14 ao 20 de abril | 4º de ESO | 175 |
2ª quenda | do 21 ao 27 de abril | 3º de ESO | 175 |
3ª quenda | do 28 de abril ao 4 de maio | 2º de ESO | 175 |
4ª quenda | do 5 ao 11 de maio | 1º de ESO | 175 |
5ª quenda | do 12 ao 18 de maio | 6º EP | 175 |
6ª quenda | do 19 ao 25 de maio | 6º EP | 175 |
7ª quenda | do 26 de maio ao 1 de xuño | 3º e 4º de ESO | 125 |
8ª quenda | do 2 ao 8 de xuño | 1º e 2º de ESO | 125 |
9ª quenda | do 9 ao 15 de xuño | 6º EP | 150 |
TOTAL | 1.450 |