O cineasta Aki Kaurismäki elixe a Filmoteca de Galicia para presentarlle ao público ‘Fallen leaves’

O director finlandés viaxou hoxe ata A Coruña con motivo da proxección do seu último filme na cinemateca da Xunta dentro do ciclo que se lle dedica ata o mes de abril

Premio do xurado no Festival de Cannes e recoñecida como mellor película de 2023 pola Fipresci, é tamén o seu maior éxito de público nas salas españolas ata o momento
 

A Coruña, 7 de febreiro de 2024

A Filmoteca de Galicia foi o escenario elixido polo cineasta Aki Kaurimäki para compartir uns momentos co público antes da proxección do último filme, Fallen Leaves, co que está a obter un gran éxito tanto de público como de crítica. O realizador finlandés desprazouse hoxe ata A Coruña con motivo desta sesión, que forma parte da ampla retrospectiva que a cinemateca da Xunta lle dedica ata finais do mes de abril.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu a Kaurismäki na sede do centro na Coruña para este pase especial, que lles foi presentado aos espectadores polo propio realizador. O filme, que poderá verse de novo o vindeiro venres ás 18,00 h., exhibiuse en versión orixinal con subtítulos en galego grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Premio do xurado na pasada edición do Festival de Cannes e recoñecida como a mellor película de 2023 nos galardóns da Fipresci (Federación Internacional da Prensa Cinematográfica), Fallen Leaves mantense aínda en carteleira en diferentes cidades de España, onde é xa o maior éxito de público de Kaurismäki ata a data, superando os 110.000 espectadores.

Este é, ademais, o segundo ciclo que se lle dedica na Filmoteca de Galicia, que xa entre finais de 1999 e primeiros de 2000 ofreceu unha primeira retrospectiva en colaboración co Festival Internacional de Cine de Xixón e a Filmoteca Valenciana. Daquela volta, xo finlandés tiña estreadas 15 das súas 20 longametraxes rodadas ata o de agora, ademais de numerosas curtametraxes. Se ben desde entón a súa produción non é tan prolífica, si ten asinado algúns dos seus maiores éxitos como El hombre sin pasado, El Havre e agora Fallen Leaves.

Os inicios da súa carreira

Xunto con este último título, en febreiro poderán verse na Filmoteca de Galicia outras cinco películas a través das que se desenvolve un percorrido cronolóxico polos inicios da súa carreira, comezando tamén esta mesma semana con Sombras en el paraíso, proxectada onte e da que haberá un segundo pase mañá.

Seguiranlle Hamlet va de negocios, a súa versión anticapitalista do clásico de Shakespeare, que poderá verse os días 14 e 15. Ariel está programada para o 17 e o 20 de febreiro, mentres que o día 22 será a quenda de Leningrad Cowboys Go America, unha das longas da serie de traballos que lle dedicou a este singular grupo de rock. Completa a escolma do mes La chica de la fábrica de cerillas, programada os días 23 e 27 e que, xunto a Sombras en el paraíso e Ariel, conforma a súa triloxía do proletariado.

Estes filmes marcan o inicio da que está considerada como unha das máis singulares traxectorias do cinema contemporáneo. As películas de Kaurismäki amosan unhas raíces fondamente ancoradas na súa Finlandia natal, con imaxes secas e enchidas de soidade e de melancolía, das que emerxe un discurso que fala do desamparo social, da derrota individual ou da desolación existencial, entre outros temas, e no que destaca tamén a súa particular ollada traxicómica, como no caso de Fallen Leaves.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024