A Xunta facilita a presentación de novas solicitudes para as axudas dos plans de mellora

A Consellería do Medio Rural modifica as bases reguladoras da convocatoria destas achegas para facilitar a presentación de solicitudes, axilizar os trámites administrativos e favorecer a xestión aos potenciais beneficiarios

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Joaquín Macho, mantivo hoxe un encontro en San Caetano con representantes de Unións Agrarias. No marco desta xuntanza, a Consellería trasladou a reforma, que se fará efectiva de inmediato, das bases reguladoras da actual convocatoria de achegas para a mellora de explotacións e a incorporación de mozos a actividade agrogandeira.

Esta modificación permitirá a presentación de solicitudes nunha nova convocatoria de axudas cando a anterior aínda non estea resolta. Con este cambio, axilízanse os trámites administrativos co fin de facilitar a xestión aos potenciais beneficiarios.

Cómpre lembrar que a convocatoria de 2024 destas axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos -ou para persoas de entre 41 e 55 anos-, e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que está dotada con 47 millóns de euros, permanecerá aberta ata o vindeiro día 22 de marzo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024