A aceleradora de empresas turísticas Turislab selecciona aos 12 primeiros proxectos que arrancarán a súa formación e mentorización este venres

A iniciativa está liderada pola Xunta de Galicia coa Cámara de Comercio de Pontevedra Vigo e Vilagarcía coa Comunidade Intermunicipal Alto Minho (CIM AM)

Inclúense propostas que promoven o turismo como dinamizador do rural, iniciativas que propoñen solucións de intelixencia artificial a pequenas empresas turísticas ou empresas que fomentan o turismo sostible e responsable, entre outras

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

A aceleradora de empresas turísticas Turislab liderada pola Xunta de Galicia xunto coa Cámara de Comercio de Pontevedra Vigo e Vilagarcía de Arousa e a Comunidade Intermunicipal Alto Minho (CIM AM), vén de seleccionar os 12 proxectos que comezarán a etapa de formación e mentorización este mesmo venres.  

Nesta edición Turislab está financiada polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), que pertence á iniciativa INTERREG da Comisión Europea, que financia proxectos de cooperación que fomenten o desenvolvemento e a cohesión rexional a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O comité de selección -no que se incorporaron tamén varias asociacións do sector turístico galego para valorar os proxectos- elixiron 12 starups que están enfocadas, entre outras cuestións, a ofrecer propostas de turismo sostible, achegar solucións de intelixencia artificial a pequenas empresas turísticas, promover iniciativas de dinamización económica no rural ou fomentar o turismo responsable. Todas elas comezarán a súa formación este venres no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e ata o mes de xullo contarán tamén coa mentorización necesaria para dar vida ao seu proxecto e facelo realidade. Esta fase desenvolverase durante os meses de febreiro ata xullo, sempre en fins de semana, e ao finalizar celebrarase un Demo Day, que servirá para destacar os gañadores.

O equipo de selección, conformado por 17 profesionais de distintas especialidades, acordou a listaxe definitiva de seleccionados en base á distintos criterios entre os que destacan as posibilidades de escalabilidade e internacionalización nos mercados, a viabilidade do proxecto e o investimento necesario ou os factores de innovación introducidos, entre outros aspectos.

Experiencias personalizadas

Os seleccionados nesta fase foron Barvantia, que organiza experiencias personalizadas para caravanistas; Byroomnumbers, que ofrece servizos de check-in online para hoteis, permitindo personalización de estadías; Ecocabans, unha iniciativa que propón unha experiencia de turismo sustentable en cabañas ecoeficientes; Exylon, que ofrece a pequenas empresas turísticas solucións de intelixencia artificial para análise de mercado e optimización de negocios ou Galisacra, que ofrece paquetes wellness personalizados e enfocados no bienestar rurtal e experiencias diferentes no Camiño de Santiago.

Tamén foron elixidos Knowmad, iniciativa que ofrece paquetes de enogastronomía, turismo industrial e termal promovendo experiencias sostibles e valorización do patrimonio local; Kooltural, empresa que conecta público e potenciais visitantes con e organizadores culturais e Mvico, turismo activo en Galicia mediante rutas personalizadas en bicicleta integrando cultura e gastronomía local para unha experiencia cicloturística única e completa.

Do mesmo xeito tamén se seleccionou a Popup Coliving, unha sesoría para nómadas dixitais no Camiño de Santiago; o proxecto de aldea rural Ruralife rehabilitando estruturas rurais para aloxamentos turísticos con servizos de coworking e sostibilidade; así como a plataforma web Troulanda, que incrementa a visibilidade e negocio de operadores turísticos en Galicia e Norte de Portugal e Yglu, un software innovador con intelixencia artificial e Big Data para turismo que ofrece viaxes personalizadas e fomenta o turismo responsable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024