O DOG publica o decreto para regular o réxime xurídico e o rexistro dos montes de varas

Este decreto vén satisfacer unha demanda histórica das comunidades que teñen por obxecto os montes de varas en Galicia, outorgándolles seguridade xurídica en materia de organización e funcionamento e regulando o seu rexistro administrativo

Con el dáse cumprimento á lexislación vixente e ás previsións do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” regulando o réxime xurídico e o funcionamento deses montes de varas

A norma pretende mellorar a xestión destes terreos forestais, para que resulte dinámica e actual, ao mesmo tempo que contribúe a favorecer un monte ordenado

Os montes abertais, de varas, de voces ou de fabeo son aqueles conservados en pro indiviso, nos que os seus copropietarios tiñan ou manteñen o costume de se reunir para repartir entre si porcións determinadas de monte ou searas para o seu aproveitamento privativo

O decreto está dividido en seis capítulos principais conformados por trinta artigos, seis disposicións e varios anexos na procura de acadar un triplo obxectivo; centrado na regulación do rexistro administrativo e na habilitación dun procedemento na sede electrónica

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto que regula o réxime xurídico e o rexistro dos montes de varas. Este tipo de montes teñen unha relevante importancia económica, social e ambiental na economía galega, vencellada tanto a explotación e aproveitamentos propiamente forestais como agrícolas.

A norma está dividida en seis capítulos principais conformados por trinta artigos, seis disposicións e varios anexos na procura de acadar un triplo obxectivo; centrado no desenvolvemento do réxime xurídico dos montes denominados de varas e das comunidades de persoas copropietarias; na regulación do rexistro administrativo e na habilitación dun procedemento na sede electrónica para xestionar as solicitudes dunha primeira asemblea xeral de copropiedade de montes de varas.

O primeiros capítulos están vencellados a cuestións relacionadas co concepto de natureza desta tipoloxía de montes e ao ámbito de aplicación da norma; á súa organización e fucionamento e ao seu rexistro. Mentres tanto, os capítulos IV, V e VI están destinados á comprobación de datos e notificacións; ao fomento da xestión forestal sostible e á protección, división e extinción dos montes de varas.

Demanda histórica

Este decreto vén satisfacer unha demanda histórica das comunidades que teñen por obxecto os montes de varas en Galicia, outorgándolles seguridade xurídica en materia de organización e funcionamento e regulando o seu rexistro administrativo. Na actualidade están contabilizados 52 montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo -diferentes denominacións desta figura orixinaria do dereito romano- que totalizan unha superficie de 11.255 hectáreas, principalmente na provincia de Lugo, cun 92,31% do total.

Os montes de varas son aqueles conservados en pro indiviso, nos que os seus copropietarios tiñan ou manteñen o costume de se reunir periodicamente para repartir entre si porcións determinadas de monte ou searas para o seu aproveitamento privativo. Estas asignacións de monte dividiranse en función do número de titulares que haxa e a súa adxudicación decídese xeralmente pola sorte.

De maneira habitual os aproveitamentos de pastos e leña eran usados por todas as persoas comuneiras, pero á hora de facer rozas, a cada casa da aldea adxudicábanselle as varas que lle corresponderan. A diferenza do que acontece no caso dos montes veciñais en man común, neste tipo de montes o copropietario ten liberdade de transmitir as súas cotas en todo ou en parte, por calquera título ou negocio xurídico transmisivo, sendo posible a división destas terras e a consecuente extinción da copropiedade segundo o costume. Outra diferenza cos montes veciñais en man común é que o feito de ser persoa veciña titular dunha explotación económica vinculada os aproveitamentos propios do monte non atribúe a condición de copropietaria.

Nova realidade

A xestión e o aproveitamento destes montes en Galicia mudou de xeito considerable nos últimos anos, incluíndo novos paradigmas, moitos deles ligados ao bosque na súa contribución ás políticas de descarbonización. Esta nova realidade fai necesaria unha regulamentación axeitada.

Neste contexto, ademais de dar cumprimento á lexislación vixente e ás previsións do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” regulando o réxime xurídico e o funcionamento deses montes de varas, o decreto pretende mellorar a súa xestión, para que resulte máis dinámica e actual, ao mesmo tempo que contribúe a favorecer un monte ordenado.

Ligazón ao decreto no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240207/AnuncioG0426-260124-0007_gl.html

Data de actualización: 07/02/2024