A Xunta pon en valor a importancia da formación continua como panca de desenvolvemento do sector gandeiro, “absolutamente exemplar e chave no noso rural”

Boqueixón (A Coruña), 7 de febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na apertura das xornadas formativas para gandeiros sobre optimización fiscal e formación económica organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. Alí, puxo de relevo a importancia da formación continua deste sector, “absolutamente exemplar na súa capacitación e profesionalización, e, coma sempre digo, empresarios”.

Neste sentido, e facendo fincapé na relevancia que ten este sector na nosa comunidade, afirmou que o obxectivo deste curso é seguir favorecendo e contribuíndo á mellora da competitividade e rendibilidade deste sector; neste caso, a través da optimización fiscal e formación económica. Ademais, sinalou que mañá, xoves 8 de febreiro, haberá outra edición deste curso no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos, na provincia de Lugo. Ambas as dúas xornadas están divididas en tres bloques formativos, centrados na tributación básica e a optimización fiscal, contabilidade e xestión eficiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024