A Xunta asina a acta de replanteo para o inicio efectivo das obras da Torre Polivalente do Novo Hospital Público da Coruña

Será a primeira construción do Novo CHUAC, cuxos traballos contan cun prazo de execución de 18 meses e cun orzamento de máis de 35 M€

A Torre Polivalente funcionará como centro de administración de todo o complexo e como nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, que se conectarán a través dunha pasarela elevada

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

A Xunta asinou hoxe a acta de replanteo para a construción da Torre Polivalente do Novo Hospital Público da Coruña, trámite administrativo que marca o inicio efectivo das obras da que será a primeira construción do Novo CHUAC.

Os traballos da Torre Polivalente contan cun prazo de execución de 18 meses e suporán un orzamento de máis de 35 M€.

A Torre Polivalente será o punto desde o que se administrará todo o complexo e tamén o nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.

O edificio situarase na parcela sen edificar ao carón do actual complexo, ocupando uns 4.500 m² en planta rectangular e albergando 12.300 m² de superficie construída, un total de 8.260 m² de superficie útil distribuída en 16 andares, 3 deles baixo rasante.

En concreto, os niveis 0 a 2 serán para instalacións; o 3 será para informática; os niveis 4 a 6 para accesos; os 7 a 12 centralizarán as instalacións de xestión, administración e laboratorio; os niveis 13 e 14 destinaranse a Hotel de Doentes, con 14 habitacións; e o 15 ás instalacións de clima.

A Torre disporá de dous accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para os usuarios do Hotel de Doentes e persoal administrativo, cunha zona cuberta que conformará un gran soportal de acceso; e outra entrada para persoal sanitario, en cuxo exterior se disporá unha praza de uso público e zonas verdes.

Este edificio executarase cun sistema construtivo que se poida adaptar ás novas necesidades; seguindo criterios de eficiencia enerxética, desde o punto de vista térmico, de iluminación e da xestión da auga, primando o baixo consumo con dispositivos de aforro; e empregando materiais de proximidade e reciclables.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024