A Xunta presenta aos empresarios da Grela unha nova edición do programa Responsabilízate que ofrece asesoramento gratuíto a pemes e autónomos en RSE

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, lembrou que a iniciativa, en fase de captación de empresas, dispón de 200 prazas

Os beneficiarios reciben formación e un plan de acción para implantar medidas de xestión medioambiental, social e de goberno cooperativo

A Coruña, 7 de febreiro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na presentación do programa Responsabilízate 2024 na Coruña, acto que se desenvolveu en colaboración coa Asociación de Empresarios de A Grela e a Asociación de Empresarias de A Coruña. Lembrou que con esta iniciativa a Administración autonómica apoia ás empresas para que apliquen na súa xestión valores medioambientais, sociais e de goberno corporativo, os tres piares da sustentabilidade.

O programa, de carácter gratuíto, ofrece 200 prazas –na actualidade estase coa fase de captación- e as primeiras empresas interesadas proceden de sectores diversos como a hostalaría, o turismo, a biotecnoloxía ou as enerxías renovables. Tal e como subliñou a directora xeral está a destacar o interese das firmas do Sector Primario e do ámbito tecnolóxico, con modelos innovadores.

Mancha lembrou que poden acceder a esta iniciativa pemes e autónomos que teñan o seu domicilio social ou conten con centro de traballo en Galicia. Deben ter, polo menos, unha persoa contratada por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior aos 43 millóns de euros.

As persoas beneficiarias reciben asesoramento experto, formación ou un plan de acción para implantar medidas, especificou a directora xeral.

O programa Responsabilízate enmárcase no conxunto de actuacións que a Xunta de Galicia está a despregar co gallo da execución da Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) 2023-2025. Esta planificación está a centrar os esforzos en promover espazos de traballo igualitarios e en atraer e reter talento.

Con 174 millóns de euros de orzamento, a estratexia quere preparar a Galicia para os retos da economía sustentable e dixitalizada, indicou a directora xeral. Trátase, como afirmou, de situar os valores e principios da responsabilidade social empresarial na axenda das empresas galegas como mecanismos para impulsar a súa competitividade, produtividade e crecemento.

A xornada

Na xornada de presentación, ademais da directora xeral de Relacións Laborais, tomaron parte representantes das empresas  RESONAC, ABIN Aplicaciones de bombeo industrial, COFRICO e GRADHOC, IT fabricación digital e Valora Consultores.

Estes encontros, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a celebrar nas catro provinciais, enmárcanse no 4º programa Responsabilízate, aínda aberto a empresas que estean interesadas en participar, a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=TR320B.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2024