A Xunta adxudica por preto de 8,5 M€ a ampliación e modernización da potabilizadora de Padrón para aumentar un 40% a capacidade de tratamento

As actuacións, cun prazo de 18 meses, blindarán o abastecemento futuro de auga aos concellos de Padrón, Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Valga e Vilagarcía de Arousa, que están conectados

A intervención aumentará a capacidade de tratamento da planta ata os 630 l/s, fronte aos actuais 450 l/s, ofrecendo maiores garantías de abastecemento a unha poboación de máis de 90.000 habitantes

Acadarase unha xestión máis eficiente, dotando a potabilizadora cun sistema para recuperar a auga de lavado de filtros que actualmente son verteduras ao río Ulla

Repararanse os depósitos de cabeceira e disporase un sistema de medición en continuo da calidade da auga nos puntos de entrega en alta e de control de nivel en tempo real

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023

A Xunta vén de adxudicar por un importe de 8.466.672 euros as obras de ampliación e modernización da potabilizadora de Padrón co fin de aumentar un 40% a capacidade de tratamento e garantir o subministro de auga aos 10 concellos conectados.

Este contrato de obras, adxudicado á UTE Espina Obras Hidráulicas, S.A. U. & Vázquez y Reino, S.L., conta cun prazo de execución de 18 meses e ten como obxectivo mellorar do abastecemento do sistema da marxe dereita da ría de Arousa.

A Xunta asume integramente o financiamento e execución da ampliación da estación de tratamento de auga potable, no marco dun convenio de colaboración asinado co Concello de Padrón; e o municipio, pola súa banda, asume as xestións e trámites necesarios.

A ampliación e modernización da potabilizadora permitirá blindar o abastecemento futuro de auga aos 10 concellos da marxe dereita da ría que están conectados a este sistema.

Estas instalacións subministran actualmente auga aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Valga e o propio Padrón, estando tamén conectado o concello de Vilagarcía de Arousa.

Os traballos que se van acometer posibilitarán o aumento da capacidade de tratamento da planta ata os 630 l/s, fronte aos 450 l/s que subministra agora.

Coas intervencións previstas tamén se poderán superar as actuais limitacións no subministro e ofrecer maiores garantías de abastecemento a unha poboación de máis de 90.000 habitantes, en previsión dun futuro incremento da demanda.

O proxecto inclúe a ampliación da potabilizadora situada nas proximidades do núcleo de Casal, na parroquia de Carcacía, ao carón do río.

Tamén se modernizará e fará máis eficiente dotándoa dun sistema para a recuperación da auga de lavado de filtros que actualmente son verteduras ao río Ulla.

Ademais, disporanse un tratamento de lodos de decantación e dun sistema de control que integre os equipos existentes e os da ampliación, cun sistema de xestión SCADA, de monitorización e control das instalacións, e de videovixilancia. 

Realizaranse, ademais, reparacións estruturais nos depósitos de cabeceira do Casal e dotarase dunha medida de caudal de saída á rede con lectura en continuo; tamén sistema de medición en continuo da calidade da auga nos puntos de entrega en alta, e control de nivel e enchido dos depósitos, con medición en tempo real.

Data de actualización: 06/02/2024