A Xunta informa en Pontevedra das axudas para persoas autónomas e pemes

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora do Igape, Covadonga Toca, participaron nunha xornada organizada pola Asociación de Autónom@s e Pequenas Empresas de Galicia

Fixo fincapé na cota cero para novas altas durante os primeiros doce meses e en que desde onte mesmo se poden solicitar as axudas para fomentar que os autónomos contraten persoal

Tamén se veñen de publicar as axudas para facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade

Pontevedra, 6 de febreiro de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron esta mañá nunha xornada informativa das axudas da Xunta dirixidas a persoas traballadoras autónomas e pemes organizada pola Asociación de Autónom@s e Pequenas Empresas de Galicia (APE). Alí, o secretario xeral fixo especial fincapé na cota cero para novas altas e sinalou que onte mesmo se abriu o prazo para solicitar as achegas destinadas a impulsar a contratación de persoal, ademais de publicarse as dirixidas a facilitar iniciativas de emprendemento.

Neste caso, desde o 12 de febreiro ata o 28 de xuño poderanse solicitar as achegas que cun orzamento de 6,5 millóns de euros beneficiarán os seguintes colectivos que se constitúan ou dean de alta e que iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022: as persoas traballadoras autónomas, mutualistas, as pequenas e medianas empresas, as sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego. 

Mentres, desde onte e ata o 30 de setembro pódense solicitar as axudas que -cun importe de 1,3 millóns de euros- buscan incentivar a contratación por parte das persoas autónomas do primeiro, segundo e terceiro traballador e, como novidade este ano, cunha maior contía se contratan mulleres. Inclúense dous tipos de achegas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación para impulsar a cualificación das persoas traballadoras indefinidas.

Con todo, non son as únicas axudas a autónomos dispoñibles. Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude para financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia a través de dúas liñas que suman un orzamento de 28,9 millóns de euros. Neste total inclúese a partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.

A maiores, referiuse a dous programas de axudas ao emprego autónomo que suman 9,5 millóns de euros. Diríxense, por unha banda, aos traballadores autónomos que teñan unha antigüidade superior aos 42 meses para que poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva (Bono Autónomo) e, por outra, axudar aos profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade (Bono nova oportunidade).

Así mesmo, entre outros, o Goberno galego habilitou un investimento de 1 millón de euros para que as persoas traballadoras autónomas que teñan fillos ou persoas maiores ou dependentes ao seu cargo conten cos apoios necesarios para contratar a persoas que os substitúan no exercicio da súa actividade ou poidan recorrer a servizos de coidado.

Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, afondou nas liñas que o seu departamento ten a disposición do tecido empresarial galego, especialmente pemes e autónomos, entre as que destacou distintos programas activados xa desde comenzos de ano en internacionalización e financiamento.

Así, desde o Igape destínanse máis de 9 M€ na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos a través dos programas Galicia Exporta Empresas, Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital. Ademais, a directora lembrou que está tamén activo o programa para a contratación de xestores de internacionalización, que permite ás pemes participantes contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial.

Por outra banda, Toca Carús salientou que, un ano máis, a Xunta vén de activar unha liña de préstamos destinada a autónomos e pemes para acceder a financiamento nas condicións máis vantaxosas. A través dun acordo coas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR), expuxo, destínanse este exercicio 12 M€, que porán en circulación 80 M€, nun milleiro de operacións nas que pemes e autónomos financian investimento e circulante, ou refinancian préstamos anteriores que materializaron en condicións menos vantaxosas.

A este programa, afondou, súmaselle a nova convocatoria da liña de préstamos directos para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial, que conta cun orzamento de 30 M€ e dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2024