A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou nun almorzo organizado polo Executive Forum

Ángeles Vázquez salienta a aposta de Galicia pola economía circular na xestión dos residuos e anima aos axentes socioeconómicos a avanzar neste modelo

A Xunta destaca que a Comunidade é referente neste eido e pon en valor o traballo realizado por Sogama, cunha loxística na xestión dos refugallos comprometida co medio ambiente pois preto do 60% son transportados xa por ferrocarril

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Galicia é referente na aposta pola economía circular e a xestión sostible dos residuos e animou ao conxunto de axentes socioeconómicos e administracións públicas da comunidade a avanzar neste modelo. Así o destacou durante a súa intervención nun almorzo do Executive Forum, no que destacou que ese compromiso global permitirá facer fronte aos retos ambientais, económicos e tecnolóxicos actuais.

A responsable autonómica puxo en valor o traballo realizado neste eido por Sogama, cunha xestión dos residuos “moderna e eficiente”. Nesta liña, incidiu en que o sistema de xestión integral, circular e solidario desenvolvido pola empresa pública permitiu situar a Galicia entre as comunidades máis eficientes na xestión dos residuos municipais. “É un modelo de referencia en España e en Europa, que busca dar resposta aos principais preceptos da economía circular apostando por incrementar a reciclaxe, reducindo os refugallos e optimizando o aproveitamento dos materiais”, subliñou Ángeles Vázquez. 

Neste sentido, e como mostra tamén do compromiso co medio ambiente, puxo de relevo que Sogama conta cunha loxística única en España que prima o transporte de residuos por ferrocarril. Este modelo, “máis ecolóxico, sostible e respectuoso coa contorna” pasou de transportar o 25% dos residuos a través deste medio en 2016 a roldar xa o 60% do total na actualidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2024