A Xunta e Culturgal abordan as liñas xerais para avanzar na organización da vindeira edición da feira

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, reuníronse hoxe co director de Culturgal, Camilo Franco, para comezar a abordar as liñas xerais de traballo que rexerán a vindeira edición da feira no obxectivo común da  difusión dos produtos e servizos culturais galegos cara á cidadanía.

Na xuntanza, confirmouse que Culturgal terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro, de novo co apoio da Xunta de Galicia e co Pazo da Cultura de Pontevedra como sede do espazo feiral e escenario de mostra de espectáculos. Neste 2024, continuará avanzando no proxecto de dirección iniciado o pasado ano con Camilo Franco á fronte, no sentido de establecer conexións coa comunidade educativa e de incrementar a implicación activa de entidades de todo o territorio galego no evento promovido polo colectivo asociativo que integran a Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2024