O conselleiro do Medio Rural clausurou o acto de presentación de resultados do proceso participativo desenvolvido para as zonas de concorrencia de lumes forestais
A Xunta impulsa da man dos axentes sociais a planificación integral das áreas afectadas polos incendios de 2022 para fomentar a súa recuperación
Os labores teñen que ver coa plantación e reforestación con coníferas e frondosas autóctonas, a apertura e mellora de pistas e camiños, a construción e mellora de puntos de auga ou a mellora e implantación de faixas secundarias
Inclúen tamén a creación, recuperación e mantemento de pradarías e pasteiros ou ao impulso dos instrumentos de recuperación como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, os soutos tradicionais ou os pasteiros
José González valorou e agradeceu a participación colectiva que permitiu avanzar no proxecto e na recuperación do territorio afectado polos lumes
Esta colaboración con axentes sociais implica cinco comarcas: O Courel, Valdeorras, Macizo Central, Monterrei e Barbanza, abranguendo 26 concellos e máis de 245.000 hectáreas
Boqueixón (A Coruña), 6 de febreiro de 2024
A Xunta traballa en diferentes medidas na liña da recuperación e xestión das áreas afectadas polos incendios rexistrados en 2022. Así, actúa con iniciativas como a plantación e reforestación con coníferas e frondosas autóctonas, a apertura e mellora de pistas e camiños, a construción e mellora de puntos de auga, a mellora e implantación de faixas secundarias, a creación, recuperación e mantemento de pradarías e pasteiros ou o impulso dos instrumentos de recuperación como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, os soutos tradicionais ou os pasteiros.
Cinco ámbitos xeográficos
Esta colaboración con axentes sociais -sinalou o conselleiro- implica cinco comarcas afectadas polos lumes de 2022: O Courel, Valdeorras, Macizo Central, Monterrei e Barbanza. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural colabora con 26 concellos para buscar solucións as máis de 245.000 hectáreas que requirían de medidas para a súa recuperación.
Con respecto ao proceso, realizáronse encontros con axentes destas áreas, como cargos e técnicos de diferentes administracións, empresas xestoras, axentes forestais, profesionais da madeira, gandeiros, comuneiros e cidadanía en xeral. Os principais obxectivos deste proceso son a compilación de propostas de uso e xestión do territorio, dende os puntos de vista forestal, agrogandeiro, ambiental e social-recreativo, identificar os axentes interesados en levar a cabo propostas, así como priorizar as áreas de actuación de cara a mellora da resiliencia fronte ao lume.
Fondo público-privado
O conselleiro fixo fincapé na planificación estratéxica posta en marcha polo Goberno galego, que implicará unha acción integral no territorio. Para levar isto a cabo, tal e como indicou José González, cóntase coa colaboración aberta pola Xunta para crear un novo fondo público-privado para anticiparse aos incendios.