A Xunta destaca o potencial dos recursos renovables de Galicia e do norte de Portugal

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, interveu no encontro sobre enerxía Galicia-Norte de Portugal, organizado polo Consello Galego de Enxeñería (CGES) e a Ordem dos Engenheiros – Região Norte

Vigo, 6 de febreiro de 2024

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, interveu esta mañá en Vigo no encontro sobre enerxía Galicia-Norte de Portugal, organizado polo Consello Galego de Enxeñería (CGES) e a Ordem dos Engenheiros – Região Norte, onde destacou o potencial dos recursos renovables de ambas as dúas rexións.

Na súa intervención, subliñou que se está a producir unha nova revolución industrial onde os proxectos industriais ligados ás enerxías renovables e o hidróxeno están adoptando un importante protagonismo para acadar os obxectivos da descarbonización e chegar ás cero emisións en 2050.

O secretario xeral puxo en valor a situación estratéxica de Galicia e Norte de Portugal tanto polos seus recursos renovables como polos seus portos, que poden dar saída a compoñentes industriais asociados ao aproveitamento renovable ou aos compostos derivados do hidróxeno verde.

Neste sentido, lembrou os investimentos declarados proxectos industriais estratéxicos que teñen interese en implantarse na Comunidade e fixo un chamamento á colaboración entre administracións para que estas iniciativas poidan ser unha realidade. Para conseguilo é necesaria a asignación de axudas dentro dos diferentes Pertes ou o desenvolvemento dunha rede de transporte eléctrica que lles dea viabilidade.

Finalmente, Nicolás Vázquez incidiu na importancia da colaboración cos profesionais das distintas especialidades de enxeñaría, así como na oportunidade que supón que as dúas rexións poidan compartir as súas experiencias para conseguir unha mellora do escenario enerxético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2024