A Xunta convoca a través da Academia Galega de Seguridade Pública nove cursos para persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das accións formativas básicas, que suman 260 prazas e se desenvolverán de xeito descentralizado en distintos concellos de Galicia

A Estrada (Pontevedra), 6 de febreiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de nove cursos básicos dirixidos ao persoal das agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil (AVPC). As accións formativas, que suman 260 prazas, realizaranse de xeito descentralizado en diferentes concellos de Galicia para facilitarlles o acceso ás persoas interesadas.

Trátase de formación preceptiva para o exercicio das funcións de voluntario das AVPC que se desenvolverá durante 32 horas, 22 delas teóricas e outras 10 prácticas. O contido abrangue a protección civil, os riscos, accidentes e autoprotección, a loita contra os incendios, as comunicacións, actuacións básicas ante emerxencias médicas e igualdade de oportunidades.

Do total dos cursos, sete teñen carácter semipresencial e realizaranse nos concellos da Coruña, Noia, Ortigueira, Bande, O Pereiro de Aguiar, Ribadumia e Mos, con 30 prazas en cada un deles. Outros dous son presenciais e terán lugar en Quiroga e Ribadeo, con 25 prazas cada un deles.

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase dez días naturais. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

Data de actualización: 06/02/2024