Alfonso Villares enxalza a aposta pola robotización e dixitalización de Cabomar en Marín e reclama un Perte digno que apoie a modernización das industrias do mar

Marín (Pontevedra), 5 de febreiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa, visitó as instalación de Cabomar, a maior das empresas de conxelados e elaboración e procesado de produtos do mar neste porto. O titular de Mar destacou que esta firma, que xera arredor de 250 empregos fixos na súa planta, desenvolveu un intenso programa de investimentos en proxectos de melloras tecnolóxicas de automatización, robotización e dixitalización que propiciaron unha importante modernización da compañía.

Alfonso Villares sinalou que Cabomar Conxelados contou cun importante respaldo da Xunta nestes procesos de mellora, que tamén lle prestou apoio por medio das axudas compensatoria ás empresas de comercialización e transformación polas consecuencias da guerra de Ucraína. O conselleiro manifestou que o sector da cadea mar-industria merece polo seu carácter estratéxico o máximo impulso gobernamental, e pediu que o Goberno central siga o exemplo da Administración autonómica e poña xa en marcha un proxecto estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) digno, dotado cos recursos necesarios, para contribuír a que o sector poda seguir a medrar. A rebaixa do IVE para impulsar o consumo de alimentos do mar como os que produce Cabomar foi outra das demandas que trasladou o conselleiro con dirección ao Estado.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 05/02/2024