O delegado territorial mostra o apoio da Xunta ao sector do mar nunha reunión cos presidentes galego e provincial da Federación de Confrarías

Reguera destacou a importancia de manter un contacto directo co sector e lembrou que a defensa do mar e da xente que vive del sempre foi unha prioridade para a Xunta

Pontevedra, 05 de febreiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, recibiu esta mañá ao presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, e ao presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, José Manuel Rosas, no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra.

Alí tiveron a oportunidade de falar sobre os retos que enfronta o sector do mar e lembraron as distintas vías de colaboración que manteñen “sempre en contacto ás confrarías coa administración pública”.

O delegado territorial quixo mostrar todo o apoio “moi especialmente ás mariscadoras e mariscadores que están a vivir tempos difíciles” e asegurou que dende a Xunta de Galicia estase a traballar para prestarlles “unha axuda eficaz e que lles permita solucionar as dificultades que están a vivir”.

Neste sentido, Reguera lembrou que a Xunta solicitou ao Goberno central a declaración de zona catastrófica para tratar de compensar aos afectados polas choivas torrenciais de outubro e novembro que tanto afectaron ao á mortaldade do marisco. Ademais destacou a axuda de 550 euros á que teñen dereito os profesionais de a pé e de a frote que xa anunciou a pasada semana o conselleiro do Mar, e que suporá un primeiro respaldo para os afectados dentro dun plan de acción para 2024 e 2025 que, aberto a participación do sector, mobilizará 123 millóns de euros co fin de recuperar a produtividade.  

“O mar e a xente que vive del sempre foron unha prioridade para a Xunta e estamos decididos a loitar con eles e por eles”, concluíu o delegado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2024