A Xunta presenta a nova escolma do catálogo de curtametraxes Shorts from Galicia no festival francés de Clermont-Ferrand

Esta recoñecida cita internacional marca o inicio da difusión da publicación, que en 2024 reúne os novos traballos de Fon Cortizo, Mario Fernández Filloy, Juan Barbazán, Alba Pino, Carmen Méndez e Paula Fuentes con Guillermo Carrera

‘Non te vexo’, curta de Xacio Baño incluída na selección de ‘Shorts from Galicia’ de 2023, competirá na sección Lab do certame, mentres que ‘Pura’, de Carmen Méndez, exhibirase como parte do Market Screening New Spanish Shorts

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2023

A Xunta acaba de publicar unha nova edición do seu catálogo promocional Shorts from Galicia que, como cada ano, inicia a súa difusión internacional entre os numerosos profesionais acreditados no Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, en Francia, cita de referencia para a exhibición e a actividade de negocio arredor deste formato audiovisual.

A publicación, dispoñible tamén en formato dixital na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, ofrece unha escolma de seis títulos ao tempo que avanza outros tres traballos actualmente en fase de desenvolvemento. Editado en inglés, Shorts from Galicia ofrece información e acceso baixo demanda para o seu visionado profesional das curtas Abellón, de Fon Cortizo; Illa Cordura, de Mario Fernández Filloy; Pura, de Carmen Méndez; María Rita, de Juan Barbazán; De(s)amor, de Alba Pino, e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Carrera. Ademais deste apoio promocional, as tres primeiras contaron para a súa produción cunha subvención da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

A selección desta ano complétase con outros tres títulos, que verán a luz proximamente: Adeus, Berta, de Fernando Tato; Montsera, de Diego R. Aballe, e Platónico, Platónica, de Xacio Baño.

Representación galega no apartado de exhibición

Precisamente Xacio Baño regresa a Clermont-Ferrand seleccionado polo festival para a Lab Competition, sección dedicada a presentar as propostas máis novidosas e singulares. Faino, desta volta, coa curta Non te vexo, incluída na edición de 2023 de Shorts from Galicia.

A representación galega no programa de exhibición esténdese aos Market Screenings, organizados polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales no Théâtre Georges Conchon e dentro dos que Pura se proxecta na sesión New Spanish Shorts. A actriz galega Carmen Méndez, quen debuta na dirección con esta curta, é ademais unha das intérpretes doutro traballo español seleccionados para a competición internacional do festival: Mussol, de Juanjo Jiménez, gañador da Palma de Ouro de Cannes con Timecode.

Axudas para a comercialización e difusión

A de Clermont-Ferrand é a primeira cita anual do calendario de mercados internacionais con presenza do audiovisual galego dentro do programa de promoción exterior do sector desenvolvido pola Xunta, que inclúe tamén a convocatoria de axudas para a comercialización e difusión en foros especializados e eventos de cine fóra de Galicia, así como a edición do catálogo de películas e series Films from Galicia.

O festival, que celebra a súa 46ª edición desde o pasado venres e ata o día 10 nesta localidade francesa, conta ademais cun concorrido mercado profesional, no marco do que a difusión de Shorts from Galicia se reforza cunha ampla axenda de reunións con responsables de festivais e distribuidoras internacionais.

Data de actualización: 05/02/2024