Ángeles Vázquez pon en valor o talento feminino na entrega dos premios Empresarias de Galicia

Pon ás mulleres galegas como exemplo de capacidade de superación, dedicación, esforzo e emprendemento

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor o talento feminino durante a entrega dos premios Empresarias de Galicia, á que asistiu en representación do presidente da Xunta.

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez animou a esta asociación empresarial a seguir traballando a prol das mulleres galegas ás que puxo como exemplo de “capacidade de superación, dedicación, esforzo e emprendemento”.

A representante autonómica entregou o Premio á traxectoria empresarial a Dora Casal, que conta con 25 anos de experiencia no sector téxtil e que leva 15 anos como directiva en Roberto Verino.

Nese senso, a vicepresidenta segunda subliñou que “falar de Roberto Verino é falar de moda atemporal e de prendas que duran toda unha vida, lonxe do concepto de fast fashion ou de usar e tirar”, o que pon de manifesto a aposta pola sustentabilidade e o compromiso ambiental desta marca galega.

Os galardóns Empresarias de Galicia tamén recoñeceron a Yaiza Canosa (Empresaria do ano), Yanina Hallack (Premio ao emprendemento), ás impulsoras da Rede Sumamos (Premio de impacto social) e a María Troncoso (Premio honorífico).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024