A Xunta impartirá a próxima semana dous cursos para gandeiros sobre xestión empresarial nos centros de formación de medio rural de Sergude e Monforte

Os interesados en participar poderán inscribirse -ata completar o aforo- chamando ao teléfono 881 99 62 79 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

As xornadas formativas terán lugar o mércores 7 no CFEA de Sergude (Boqueixón) e o xoves 8 no de Monforte de Lemos, en horario de mañá e tarde

Facilitarase formación económica e tamén sobre como optimizar a fiscalidade na xestión das explotacións gandeiras, entre outras materias

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza dúas xornadas formativas para gandeiros sobre a xestión das súas explotacións, centradas na optimización fiscal e a formación económica, que terán lugar a vindeira semana nos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA) de Sergude (Boqueixón) e Monforte de Lemos.

A primeira delas impartirase no CFEA de Sergude o vindeiro mércores día 7 de febreiro e a segunda terá lugar no de Monforte de Lemos ao día seguinte, xoves 8. En ambos casos, o horario será de mañá e tarde (de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas) e abordaranse tres bloques formativos. Os gandeiros interesados en participar poderán inscribirse -ata completar o aforo- chamando ao número de teléfono 881 99 62 79 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Módulos formativos

O primeiro bloque formativo versará sobre tributación básica e optimización fiscal. Participar neste módulo permitiralle aos alumnos coñecer as diferentes formas que teñen ao seu dispor para emprender e desenvolver a súa actividade gandeira a través das súas vantaxes e inconvenientes e a súa fiscalidade. Tamén, identificar medidas ou incentivos que facilitarán a redución da súa factura fiscal.

O segundo bloque centrarase na contabilidade para non financeiros e facilitará formación para comprender conceptos básicos que favorezan a súa toma de decisións e o deseño de estratexias relacionadas coa súa explotación gandeira. Tamén permitirá aos participantes ler os estados financeiros básicos (balance de situación e conta de resultados) e entender a súa relevancia para xestionar a súa actividade de modo dilixente. Así mesmo, poderán implantar ferramentas financeiras básicas que lles ofrezan que lles ofrezan información sobre a rendibilidade, liquidez e solvencia do seu negocio.

Por último, o terceiro módulo formativo, titulado “xestionar de modo eficiente” terá por obxecto darlles a coñecer aos asistentes ferramentas informáticas que faciliten a xestión diaria do seu negocio. Tamén lles permitirá deseñar un sistema de indicadores e gráficos (cadro de mando) cos que obter unha visión xeral, obxectiva e en tempo real da súa explotación, que lles axudará na súa toma de decisións ao instante.

Data de actualización: 03/02/2024